A CIG recorre as bases de varios concursos públicos para contratar brigadas de incendios por discriminar as mulleres
A CIG vén de presentar recursos de reposición contra as bases dos concursos-oposición para contratar brigadas de incendios en Concellos como O Irixo, Val do Dubra, Carballo ou Santa Comba por discriminar as mulleres, xa que entre os requisitos para poder participar nas probas físicas esíxese un certificado de non estar embarazada.
Na central denuncian que se trata dunha ilegalidade que incumpre tanto a propia Constitución española como a lexislación estatal e europea en materia de igualdade e non discriminación, ademais de existir xurisprudencia suficiente ao respecto. En consecuencia, reclaman a anulación das bases do concurso e a convocatoria das mesas xerais para a negociación dunhas novas bases de contratación para a oferta de emprego público dos respectivos Concellos.
“O embarazo nunca pode ser motivo de exclusión dun proceso selectivo nin impedimento para poder participar nel; o certificado médico debe establecer se unha persoa é apta ou non para desenvolver unhas probas físicas determinadas, pero non se pode esixir como requisito un papel no que poña que non estamos embarazadas”, sinalan.
Dende a CIG-Administración e a Secretaría das Mulleres da CIG censuran que esta “vulneración flagrante” dos dereitos das mulleres mediante a incorporación dun criterio sexista se produza nun concurso público promovido por unhas administracións públicas “que deberan precisamente garantir o cumprimento da legalidade e a igualdade entre as persoas”.
Neste senso, lamentan que as propias bases carezan de perspectiva de xénero e que na súa elaboración non se incorporase nin a linguaxe inclusiva. “O que vén a demostrar unha vez máis que as administracións públicas non fan seguimento nin vixilancia destas cuestións, tan importantes para garantir os dereitos das mulleres”. Por iso non descartar a posibilidade de desenvolver mobilizacións no caso de que non se remate con esta discriminación.