A CIG outorga o Premio “8 de marzo“ á loita das compañeiras do SAF das Neves

Puxeron en evidencia a privatización dos servizos esenciais, por parte dos concellos, e a neglixencia da Xunta polas condicións nas que se presta o servizo
Nacional - 14 Mar 2025

A CIG recoñeceu este venres co “premio 8 de Marzo” ás compañeiras do SAF de As Neves nun acto no que a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, salientou que, de entre as loitas dos sectores feminizados, a das compañeiras do SAF, “foi especialmente meritoria por poren en evidencia unha problemática que vai máis alá do laboral: a privatización de servizos esenciais por parte dos concellos e a neglixencia destes e da Xunta canto ás condicións en que se presta o servizo e a relación laboral que impoñen as empresas“.

Castro recoñeceu a enorme dificultade que entrañaba esta loita, o que considerou que engade méritos a este conflito, “pois a dispersión das traballadoras, que non comparten un mesmo local de traballo, dificulta o contacto para a posta en común sobre os problemas e organización do conflito“. A isto engadiu que nas localidades pequenas as relacións persoais fan máis custosa a denuncia pública de malas praxes por parte dos Concellos.

Traballo, igualdade e salarios dignos

A secretaria das Mulleres lembrou ademais o lema das reivindicacións da CIG neste 8M, “Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos“, que reflicte, dixo, “a demanda clamorosa da maioría das mulleres no noso país que, aínda tendo traballo,  desenvólveno en condicións de desigualdade e sen salarios dignos”.

Fixo especial referencia ás traballadoras dos sectores feminizados que se atopan nas franxas salariais máis baixas, máis do 40% con retribucións inferiores ao SMI. Por iso considerou que “non pode haber un feminismo verdadeiramente liberador se non ten como preocupación fundamental a igualdade nos dereitos laborais das mulleres”.

Neste sentido, incidiu no “Feminismo galego e de clase” que practica a CIG e insistiu na necesidade de “recuperar o carácter proletario que ten en orixe a conmemoración do 8 de Marzo e, en xeral,  en contribuír ao fortalecemento do feminismo que busca a superación da tripla discriminación que padecemos, como mulleres, como galegas e como traballadoras”. E subliñou que “a perspectiva de xénero é imprescindíbel para unha acción sindical que sirva realmente para mellorar a vida das traballadoras”.

Fronte a isto, afeou os discursos grandilocuentes das institucións o 8M, dos que dixo que “máis parecen un combinado de tópicos que declaracións de compromisos reais”. Denunciou, por iso, a “hipocrisía” dos gobernos porque “consenten o maltrato ás traballadoras por parte das empresas ás que adxudican os servizos de coidados, sen responsabilizarense das condicións de abuso en que desenvolven o seu traballo”.

 

A secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro, apuntou que a loita do feminismo de clase que representa a CIG “reivindica un cambio social que poña os coidados no centro, o que é incompatíbel co negocio arredor dos servizos necesarios para as persoas dependentes. As traballadoras dos coidados son esenciais porque fan posíbel o benestar físico e mental e a vida digna de moitas persoas”.

Por iso exixiu das administracións, Xunta e Concellos, que se ocupen da xestión directa dos servizos de atención ás persoas dependentes e que garantan condicións laborais xustas para as traballadoras. “Que os gobernos fagan políticas feministas os 365 días do ano dando o valor merecido ao traballo de coidados”, concluíu.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.