A CIG recoñece co Premio 10 de Marzo o exemplo de resistencia e dignidade do persoal de Maitours

Carril chama a confrontar cos gobernos español e galego e máis coa patronal porque “os dereitos conquístanse loitando”
Nacional - 14 Mar 2025

A CIG fixo entrega, este venres, dos premios “8 de marzo” ás compañeiras do SAF de As Neves e “10 de marzo” ao persoal de Maitours. Premios cos que, un ano máis, a central sindical nacionalista quere visibilizar a loita protagonizada por mulleres, no primeiro caso, e aquela loita da clase traballadora galega que sobresaíse durante o ano anterior na nosa nación, no segundo.

A CIG contou, neste acto, coa asistencia de representantes institucionais, organizacións e persoeiros da vida social, política e cultural de Galiza para darlle a transcendencia que merecen as persoas homenaxeadas e para conmemorar unha datas de tanto simbolismo internacional, nacional e social, como son o Día da Clase Obreira Galega e o Día Internacional da Muller Traballadora.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destacou o conflito de Moitours como un exemplo de resistencia, dignidade e de loita pola mellora das condicións salariais e laborais no ámbito da negociación colectiva, pois, salientou, os traballadores e traballadoras da filial de Alsa Ferrol tiveron que pelexar por algo tan básico como que se lles aplicara o convenio colectivo de sector e non un convenio extinto (o da antiga Tranvías de Ferrol) de condicións inferiores.

O inmobilismo da empresa (prestadora dun servizo público) e a inacción das diferentes administracións obrigaron o persoal a soster a folga durante cinco meses malia que o Estatuto das persoas traballadoras estabelece que as condición dun convenio de empresa non poden ser inferiores ás do convenio sectorial de referencia e que as cláusulas do contrato de transporte da Xunta contemplan mecanismos para actuar ante os incumprimentos laborais das adxudicatarias.

A Xunta entregada aos intereses empresariais

Nese sentido, Carril denunciou que “a Xunta de Galiza e o PP neste conflito practicaron o abandono aos traballadores e traballadoras e a viciñanza de Ferrolterra, coa agravante de pretender rebentar a folga con servizos minímos abusivos. Nada novo nun PP e nunha Xunta entregada aos intereses empresarias, como vemos hoxe autorizando a DIA de Altri, protagonizando un autentico golpe de Estado e un  grave atentado propio do terrorismo de Estado, torturando a legalidade. Impoñen un novo proxecto colonial e depredador”.

Por iso, chamou “con máis forza” á mobilización por mar e terra do próximo 22 de marzo na Pobra do Caramiñal, e este domingo nos concellos da bacía do Ulla.

Conquistar dereitos

Por iso, Carril chamou a confrontar cos gobernos español e galego e a patronal “desde o convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora non son concesión bondadosa nin nacen do diálogo social”. “Os dereitos conquístanse loitando”, aseverou.

Considerou fundamental para mellorar as condicións laborais e de vida poder exercer con normalidade o dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos, coas solucións máis acaídas á nosa realidade laboral, social, industrial, económica e demográfica. “Recoñecer este dereito significa poder democratizar a negociación ante a permanente centralización en convenios estatais negociados por cúpulas sindicais e sen a participación das persoas traballadoras”, valorou.

O secretario xeral incidiu en que “está na nosa capacidade de organización sindical e loita podermos negociar aquí e non en Madrid” e frear o retroceso e precariedade que representa “a fórmula perversa de neoliberalismo-diálogo social- estatalización”.

Na súa intervención Carril manifestou ademais, a súa preocupación polos chamados dos gobernos a incrementar o gasto militar e condenou a apoloxía belicista da guerra, cando segue medrando a precariedade e pobreza laboral, os salarios se empobrecen, persisten as desigualdade e a fenda de xénero, e avanza a desprotección social. “Ter traballo non permite acceder a dereitos básicos como a alimentación e a vivenda, especialmente entre a xente nova e a as mulleres”, advertiu.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.