A CIG recoñécelle a Suso Seixo o seu “compromiso, esforzo, sacrificio, entrega abnegada e militancia insubornable”
“Suso é desa xeración de compañeiros e compañeiras que, con enormes sacrificios, penalidades e na máis absoluta adversidade, fixeron posíbel erguer o sindicalismo nacionalista con clara vocación de facelo hexemónico en todos os centros de traballo do noso país”. Quen así o retratou foi o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no xantar que a central sindical organizou este sábado para render homenaxe, con motivo da súa xubilación, ao que foi secretario xeral durante 16 anos, desde 2001 até 2017: Suso Seixo.
O acto -que comezou ao remate do xantar ao que se sumaron, para render esta merecida homenaxe a Seixo, preto de 300 persoas- foi presentado pola secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen fixo un percorrido inicial pola súa biografía antes de chegar ao sindicalismo, aos 26 anos.
Porén, Corral quixo centrarse, máis que na biografía oficial político-sindical, na súa faceta humana. Así lembrou a súa primeira imaxe de Suso, “aquel home miúdo, de pelo crespo, de barba espesa e loira, de gafas de pasta, co puño ergueito, con voz calma e fonda, que escoitaba no final das manifestacións nacionais que percorrían Compostela”.
Lembrou a primeira xuntanza con el e “a impresión que me deu estar diante dun persoeiro histórico, dun referente” e a partir de aí ao Suso compañeiro e amigo ao que lle interesan as persoas e a súa “enorme capacidade de calmar os ánimos máis intensos”. Mais tamén a súa “destreza” para “apagar lumes”, mediar nos conflitos e superar as adversidades “coa vista posta sempre en reforzar o proxecto”. Unha faceta pola que considerou o seu papel “clave para fortalecer e darlle estabilidade ao sindicalismo nacionalista”.
Mais tampouco quixo esquecerse doutras moitas facetas, máis alá da súa militancia, como pai, como amante do sendeirismo por montes e fragas e como namorado da música tradicional, mesmo facendo parte do grupo musical Parabéns.
Con todo, Margarida Corral quixo deixar claro que, lonxe de afastarse da primeira liña, segue a estar vinculado de xeito activo como presidente da Fundación Moncho Reboiras e como voceiro de Vía Galega, a plataforma en defensa dos dereitos nacionais de Galiza. E concluíu expresando o seu “agarimo e profundo respecto a quen xogou un papel clave no nacionalismo deste país, representando a esencia do sindicalismo nacionalista e de clase, erixíndose como referente incuestionábel do movemento obreiro galego. No nome de todas e todos nós, grazas pola túa loita inquebrantábel, por axudar a construír e consolidar o sindicalismo nacionalista até convertelo no que hoxe é a CIG”.
Carril destaca a súa honradez e sinceridade
A secretaria das Mulleres da CIG deu paso ao secretario xeral quen quixo recoñecer de Seixo, en nome de toda a central sindical, a súa “honestidade e honradez, polo elevado sentido da responsabilidade, pola coherencia de actuar como se pensa, como se sinte a defensa duns principios, dunha ideoloxía emancipadora e de clase nunha nación negada e sen soberanía política, cun pobo sometido a un proceso de colonización e de explotación secular”.
Mais Paulo Carril quixo tamén presentar esta homenaxe “como manifestación de gratitude polas moitas renuncias persoais feitas para xogar un papel constante e permanente, sen ostentacións de ningún tipo e conforme a unhas profundas conviccións ante unha obra colectiva, como a que representa o sindicalismo nacionalista e de clase”.
Lembrou que Suso “é desa xeración de compañeiros e compañeiras que con enormes sacrificios, penalidades e na máis absoluta adversidade fixeron posíbel erguer o sindicalismo nacionalista, con clara vocación de facelo hexemónico en todo os centros de traballo do noso país”. Esa xeración que fixo –lembrando a Castelao- “unha loita nobre e leal das ideas para asegurar o progreso”, ao apostar “con firmeza na auto organización do pobo galego e da clase traballadora galega no convencemento e na esperanza de que é a mellor, a única ferramenta real para a liberación nacional e social de Galiza”.
O secretario xeral da CIG retratouno como “persoa meticulosa e precisa”, salientou a súa “paciencia” e considerouno como a “personificación da entrega en corpo e alma a todo isto, lonxe de calquera individualismo e cun claro sentido colectivo, a través dun intenso e incombustíbel traballo en todas as frontes posíbeis para facer da CIG a inmensidade do que hoxe somos: a 1º forza en representación sindical, afiliación e mobilización social”. Un “auténtico revolucionario” con “grande sentido histórico do momento”, coa “capacidade e sabedoría de afrontar todas as situacións, tanto as da intensa e polémica vida interna do sindicalismo nacionalista, como as de acción sindical e social”.
Carril rematou lembrando as palabras de Víctor Casas sobre o compromiso necesario para crear conciencia nacional galega, “intervindo en todo o que a nosa vida se refire…” mais nunca fuxindo “do sitio onde a nosa presencia é máis necesaria e urxente". Papel que lle atribuíu ao compañeiro Suso de quen considerou que todo o seu traballo e toda a súa loita “fai real aquela frase de Nelson Mandela de que ‘ todo parece imposíbel até que se fai’”.
Por iso agradeceulle “todo o feito” e todo o que “aínda seguirás facendo” cun “sorte e goza desta nova etapa, no desexo de sermos quen de proseguir a tarefa co teu mesmo convencemento e adicación”.
Seixo apela ao compromiso e á militancia
Suso Seixo, que pechou, coa súa intervención, o acto, comezou manifestando o seu “profundo e sincero agradecemento” por esta homenaxe e facendo un breve percorrido por como foi a súa chegada ao sindicalismo nacionalista “pola miña condición de comunista e patriota galego e pola miña militancia político partidaria na UPG, se non fose así, o meu achegamento e o meu compromiso co sindicalismo nacionalista sería moi diferente”.
Compromiso militante
Por iso trasladou o seu “firme” convencemento de que, “para o bo futuro dun proxecto sindical como a CIG, é fundamental que os seus cadros a todos os niveis, pero especialmente os seus cadros de dirección, deben de ser compañeiras e compañeiros con ideoloxía nacionalista e de esquerdas e cun forte compromiso militante, por suposto na CIG, pero tamén no movemento nacionalista galego”. Unha cuestión que considerou imprescindíbel para que a CIG non se desvíe do seu ideario e obxectivos e “termine sendo absorbida polo sistema”.
Advertiu dos tempos difíciles para a clase traballadora galega que hai agora e alertou de que “os que veñen non van son mellores, a non ser que mudemos a correlación de forzas actual”. Asegurou que “a explotación de clase non só non desapareceu, senón que segue a estar moi presente” e aínda se incrementará “para compensar a redución das marxes de ganancia que está a ter o capital, desde hai algúns anos”, máis nun caso como o galego onde tamén advertiu do “incremento do carácter periférico de Galiza” e do afondamento “da súa dependencia colonial e da súa españolización”.
Dous feitos salientábeis
Seixo destacou dous feitos que considerou especialmente salientábeis. O primeiro, que a CIG, o sindicalismo nacionalista, é hoxe a primeira forza sindical na Galiza, por primeira vez na historia do movemento obreiro galego, con 4.600 delegados/as e un 29% de representación sobre o total; con máis de 70.000 afiliados/as; con autonomía financeira, unha economía saneada e coa maior capacidade para influír hoxe nas relacións laborais en Galiza.
Todo isto conseguido, dixo “sen renunciar á nosa condición de central sindical nacionalista, manténdonos firmes na defensa dun marco propio de relacións laborais e da soberanía nacional, así como nunha liña clara de central sindical de clase, de oposición á política de pacto social, de confronto co poder económico e co poder político ao seu servizo e cun perfil propio e claramente diferenciador do que é o sindicalismo pactista español”.
O segundo, que este ano se cumpre o 25 aniversario da constitución da CIG, logo da fusión da CXTG e da INTG, no ano 1994. Unha fusión da que salientou “o mérito, a valentía, o acerto e a capacidade de autocrítica necesaria” das persoas que a protagonizaron, superando todas as diferenzas .
Para conmemorar todo isto, propuxo unha homenaxe colectiva á dirección saída daquel congreso de fusión na que “todos e todas tivemos claro que a clase traballadora galega precisaba dun sindicato propio, sen dependencias alleas, e para ser un instrumento eficaz, tiñamos que ser un sindicato forte, con implantación en todos os sectores e en toda Galiza e polo tanto non podíamos, non só deixarlle espazos libres ao sindicalismo español, se non que tiñamos que ir a disputarlle moito do que eles xa tiñan ocupado, tiñamos que ser maioritarios en Galiza e confiar na nosa capacidade e nas nosas propias forzas. Conseguímolo. Aí están os resultados”, concluíu.