A CIG recoñece a loita do sector de comercio alimentación da provincia de Pontevedra co Premio 10 de Marzo
A CIG celebrou este xoves o acto de entrega dos Premios 8 e 10 de Marzo, cos que se recoñeceron as loitas do comercio alimentación da provincia de Pontevedra e das traballadoras da limpeza de Lugo. Xunto a isto outorgouse una mención especial 10 de Marzo ao conflito do Metal de Lugo e lembráronse as figuras dos compañeiros Xesús Arrizado e Fernando Solla, finados en 2023.
Ao acto, que se celebra todos os anos coincidindo coa xuntanza do Consello Confederal, asistiron como convidados representantes de diversas organización sociais, políticas e sindicais galegas, ademais de persoeiros e representantes institucionais como Antía Sánchez, Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, e Demetrio Fernández, Director Territorial da Inspección de Traballo en Galiza.
A secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, encargada de conducir o acto, lembrou que con estes Premios o obxectivo da central sindical é conmemorar tanto o Día da Clase Obreira Galega, como o Día Internacional da Muller Traballadora, e recoñecer, de xeito singular, as loitas sindicais que sobresaíron durante o ano anterior en Galiza.
Méndez lembrou tamén aos compañeiros da CIG finados en 2023, Xesús Arrizado, histórico sindicalista que tivo un papel clave na conformación da central sindical, “polo seu compromiso co sindicalismo nacionalista e coa defensa da clase traballadora” e máis a Fernando Solla Fernández, compañeiro de longa traxectoria tanto no sindicalismo como en organizacións políticas da esquerda e do nacionalismo, que foi secretario comarcal da Unión Comarcal da CIG da Coruña.
Foi o secretario xeral, Paulo Carril, quen fixo entrega dunha distinción conmemorativa ás súas familias. Un momento especialmente emotivo no que os familiares agradeceron o recoñecemento da CIG á súa memoria e ao labor desenvolvido por ambos.
Loita contra a precariedade
Carril entregou tamén, tras da proxección dun vídeo no que se resume o conflito, o Premio 10 de Marzo á representación de traballadores e traballadoras do sector de comercio da alimentación da provincia de Pontevedra. Un galardón á unidade e a determinación amosada polo persoal na mellora das súas condicións laborais fronte á resistencia da patronal (con representación maioritaria de grandes empresas como Gadis e Froiz) a aceptar unha suba salarial digna e unha redución da xornada.
Tal e como lembrou o secretario xeral, as traballadoras e traballadores participaron activamente tanto nas distintas asembleas como nas mobilizacións e secundaron, de xeito masivo, a xornada de folga promovida en solitario pola CIG, que ostenta a maioría da representación na mesa de negociación do convenio colectivo. “Unha demostración de forza que obrigou o empresariado a mellorar as súas propostas, que finalmente foron aceptadas polas asembleas, quedando sen efecto as dúas novas convocatorias de paros de 24 horas lanzadas pola central sindical, ante a falta de avances na negociación”.
Finalmente, o convenio asinado contempla un incremento de soldos total do 19%, con cláusula de revisión a IPC e con carácter retroactivo para cada un dos anos. Tamén se logrou un día máis de vacacións, outro de asuntos propios e dous sábados libres ao ano, ao tempo que se incorporaron varias cláusulas sobre violencia de xénero e igualdade e xubilación parcial.
Un acordo que, tal e como lembrou Carril, “supuxo un claro avance na dignificación das condicións laborais e na loita que encabeza a CIG contra a precariedade”, nun sector que emprega a unhas 10.000 persoas na provincia, boa parte delas pertencentes a compañías con beneficios millonarios mais que se negaban a recoñecer o esforzo e a labor desenvolvida polos seus cadros de persoal, especialmente durante a pandemia da covid.
Mención especial
Xunto a isto, tamén se outorgou unha mención especial á loita dos traballadores e traballadoras do Metal de Lugo que, tras catro históricas xornadas de folga e mobilizacións, acadaron o mellor convenio que se asinou nunca na provincia para o sector de siderometal e do comercio do metal. Conflito do que Carril salientou a forza, a unidade e o compromiso do conxunto do persoal, determinantes para lograr uns convenios que contemplan substanciais incrementos salariais e avanzan en dereitos laborais e sociais como a redución da xornada anual, melloras nas licencias ou nas vacacións.