A CIG recoñece a loita do persoal das Contratas de Movistar co Premio do “Día da Clase Obreira Galega”
Para o secretario confederal de Organización, Paulo Carril, que interveu no acto de clausura en representación do secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que tivo que ausentarse por unah indisposición, tanto estes conflitos recoñecidos co Premio “10 de Marzo”, como co Premio “8 de Marzo”, e outros moitos que se están a dar polo país adiante, “sitúanos na dura realidade que vive no día a día a clase traballadora galega”, despois de 8 anos de crise económica e dunhas contrarreformas laborais levadas adiante nos últimos anos en materia de contratación, xornada laboral, despedimentos ou negociación colectiva.
Medidas que para Carril “supuxeron un retroceso importante en materia de condicións de traballo e de dereitos, con perda de salario, desregulación, flexibilidade, deterioro da negociación colectiva, cun debilitamento importante da capacidade reivindicativa da clase obreira”.
Diante desta situación o secretario confederal de Organización considerou que esta situación, no caso galego, vese agravada co aumento do número de traballadores e traballadoras cuxos ingresos son inferiores ao 50% do SMI e coa perda de poboación activa e poboación ocupada, fundamentalmente entre os menores de 34 anos, “máis de 100.000 persoas, moitas camiño da emigración e perda e avellentamento de poboación”, precisou.
Sinalou que a perda de capacidade produtiva e emprego, no sector primario ou en sectores como o naval ou o eólico; o espolio da nosa enerxía e o noso aforro; a perda do sector financeiro e de grandes empresa “crea un escenario difícil para o noso futuro como pobo e unhas condicións de emprego dignas”.
Peores condicións laborais das novas xeracións
Carril chamou a atención sobre o feito de que “as novas xeracións enfrontan unhas condicións laborais peores que as da xeración anterior”, o cal entende que nos sitúa na realidade de que “este sistema económico, o mesmo agora que no 72, non é un sistema que garanta os dereitos e os intereses da clase traballadora, de forma estábel, depende da correlación de forzas en cada momento”.
Por iso apuntou a necesidade de que a clase traballadora galega se marque como meta “conquistar un modelo económico e social no que dereitos fundamentais como o emprego, unha pensión digna, o ensino, a saúde, a enerxía, a vivenda, a folga, a negociación colectiva, estean garantidos de forma estrutural, que non haxa que estar a pelexar permanentemente por eles”.
Concluíu ademais que, “mentres os galegos e as galegas non teñamos a plena capacidade para decidir por nós mesmos sobre as nosas relacións laborais, os nosos sectores produtivos, o noso aforro, os nosos recursos materiais… Vai ser difícil garantir unhas condicións de vida dignas e un posto de traballo na nosa terra. A soberanía é unha necesidade”.
A sindicalista e poeta Marta Dacosta, que fixo as veces de condutora do acto, lembrou ademais ao compañeiro Raúl Canosa, finado no ano 2015 e agradeceu ás e os convidados a súa asistencia a este acto no que se evidenciou a importancia do sindicalismo nacionalista, da CIG, na defensa dos dereitos laborais e das liberdades das e dos traballadores galegos.
Ademais, asistiron como convidados/as o Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais; o Director en Galiza da Inspección de Traballo e representantes de ADEGA, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega, a Asociación Galega de Editoras, ANOVA , a Asociación Galega de Comunidades de Montes; o BNG; o CGRL; ESCULCA; ERGUER, a Fronte Obreira Galega; FRUGA; a Fundación Alexandre Bóveda; a Fundación Bautista Álvarez; a Fundación Galiza Sempre; a Fundación Castelao; Galiza Nova; o Instituto Galego de Historia; Mar de Lumes; o Movemento polos Dereitos Civís; a Plataforma Queremos Galego; o Sindicato Labrego Galego e Xustiza e Sociedade.
Ademais, estiveron presentes no acto os exsecretarios xerais da CIG e membros de anteriores executivas confederais.