A CIG reclámalle ao Goberno que non dilate máis a compra da fábrica de aluminio
A un día do remate do prazo de negociacións para a venda da planta de aluminio de San Cibrao, os traballadores e as traballadoras continúan nunha absoluta incerteza á espera de que o goberno español "faga en 24 horas o que non fixo en tres meses". Ante isto, a CIG esíxelle ao Goberno que non dilate máis a compra da fábrica e que, unha vez dentro da SEPI, se aborde con calma o proceso de busca dunha nova propiedade.
Na reunión que tivo lugar a primeira hora desta tarde, Alcoa manifestou a disposición a retirar á cláusula de indemnidade e retornar á postura en relación á venda que tiña o 27 de setembro. Iso si, a multinacional entende que a estrutura da operación, ante calquera posíbel grupo comprador, ten que pasar previamente pola adquisición da fábrica por parte da SEPI.
Diante deste cambio, a CIG reclámalle dilixencia o goberno para comprar xa a planta de aluminio de San Cibrao e, unha vez dentro do ámbito público e coa garantía de manter as capacidades produtivas e os postos de traballo, se aborde a busca dunha nova propietaria. "O que non pode ser é que por inacción e falta de decisión política se manteña nunha incerteza permanente a todo o persoal e a toda esta comarca", asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
A este respecto, denuncia que, a 24 horas de rematar o prazo establecido, "esteamos igual que hai tres meses, mais coa diferenza de que o aluminio acumulando durante a folga xa está vendido, produciuse un maior deterioro das instalacións pola falta de mantemento, estase perdendo posición no mercado e xa está en trámite o recurso que presentou Alcoa contra a sentenza do ERE".
Neta liña, Carril lembra que os traballadores e as traballadoras "non asinaron a paz social para facilitar os plans de peche e desmantelamento de Alcoa, nin para darlle tranquilidade política os gobernos; aceptaron a paz social para que se atopara unha solución de futuro que a día de hoxe non temos".
Diante desta falta de actuación e co precedente do acontecido nas plantas da Coruña e Avilés, a CIG aposta por retomar as mobilizacións e dar unha resposta contundente "como o camiño para forzar un acordo entre a empresa e o goberno e lograr que se adopten as medidas necesarias -se é preciso ir á intervención pública-, para garantir que se siga producindo aluminio na Mariña e que se manteñen todos os postos de traballo".