A CIG reclámalle ao Goberno español unha nova negociación para mellorar o acordo salarial para o persoal empregado público

Delegados e delegadas da Área Pública concentráronse na Coruña logo da admisión a trámite do recurso contra o Estado por vulneración do dereito á negociación colectiva
Nacional - 18 Mar 2026

Delegadas e delegados da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) concentráronse este mércores diante da Delegación do Goberno na Coruña para reclamarlle á administración estatal que abra un proceso de negociación “que permita mellorar substancialmente o acordo retributivo actual e avanzar na recuperación dos dereitos roubados ao persoal empregado público”.

O voceiro da Área Pública da CIG, Luís Carballo, explicou que a pasada semana o Tribunal Central do Contencioso Administrativo admitiu a trámite o recurso presentado pola CIG e ELA -centrais sindicais maioritarias en Galiza e Euskadi-, pola vulneración do dereito á negociación colectiva na tramitación do acordo de actualización salarial asinado entre o Goberno español e os sindicatos UGT, CCOO e CSIF no mes de novembro.

Un pacto que se acadou “de costas a unha parte fundamental da representación sindical e que se presentou na Mesa Xeral de Negociación cando xa fora pechado en despachos e sen debate real”. Carballo critica que esta forma de actuar “non só supón un ataque directo á negociación colectiva, senón que tamén pretende impor un acordo claramente insuficiente e lesivo para o conxunto das traballadoras e traballadores públicos”.

Subas insuficientes

Por iso, explica, esta demanda "non pretende nin pode paralizar a suba salarial xa aplicada”, senón que procura unha nova negociación que respecte a representación de todas as forzas sindicais con dereito a participar dela e que mellore as condicións do acordo”. Neste senso, Carballo reclamou medidas para recuperar “os dereitos que foron recortados nas últimas décadas”, comezando polo estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial que permita revisar de xeito automático os salarios públicos conforme ao IPC real, para poñer freo á perda de poder adquisitivo.

Lembrou que os incrementos pactados afondan no deterioro salarial, tendo en conta que a suba do 2,5% aplicada para 2025 xa quedou por baixo do IPC, situado no 2,9%, “o que significa seguir acumulando perdas que superan o 20% desde o ano 2010”. De igual xeito, o incremento do 2% para 2026, resulta claramente insuficiente pois todo indica que a inflación continuará medrando no actual contexto bélico e as súas consecuencias sobre os prezos.

O acordo “deixa atrás” a quen percibe os salarios máis baixos

Pero este acordo tamén renuncia a abordar problemas graves que afectan a milleiros de traballadoras e traballadores das administracións públicas, “deixando atrás a quen percibe, de maneira inaceptábel, soldos por debaixo do SMI”. “Falamos maioritariamente de persoal laboral pertencente a colectivos moi feminizados, que soportan condicións retributivas precarias e que, ademais, non ven reflectidas nas súas nóminas as subas salariais que si se aplican ao resto do persoal público”, alertou Carballo.

Isto acontece porque este persoal está regulado por convenios con táboas salariais obsoletas e porque parte do seu salario está formado por complementos absorbíbeis que se utilizan para alcanzar o SMI. Como consecuencia, cando se producen incrementos, “estas traballadoras e traballadores non perciben máis ingresos ao final de mes, senón que simplemente se reduce o complemento na mesma contía na que aumenta o salario base. En definitiva, continúan cobrando o mesmo mentres os seus dereitos seguen bloqueados”.

Así mesmo, o acordo ignora as traballadoras e traballadores en situación de incapacidade temporal por enfermidade, xa que as actualizacións salariais non se aplican automaticamente ás prestacións que perciben do sistema de Seguridade Social, obrigando a moitas persoas a reclamar —en moitos casos pola vía xudicial— o que lles corresponde por dereito.

Por todo iso, concluíu o voceiro da Área Pública da CIG, “continuaremos mobilizándonos até conseguir unha negociación xusta e a recuperación de todos os dereitos que nos foron arrebatados”.