A CIG reclámalle ao Goberno español e á Xunta os medios necesarios para atopar os desaparecidos en Terranova
A FGAMT-CIG reclámalle ao Goberno español e á Xunta de Galiza que poñan todos os medios necesarios para atopar os mariñeiros que continúan desaparecidos tras o afundimento dun pesqueiro galego en augas de Terranova. Dende a central sindical instan a enviar embarcacións militares á zona para participar nas labores de busca “en lugar de envialas a facer manobras polo conflito de Estados Unidos, Rusia e Ucraína”.
Unha vez que o Goberno canadense anunciou que suspende as labores de busca a CIG insta os Executivos español e galego a poñer os medios humanos e materiais que sexan precisos para atopar os desaparecidos, “porque non pode ser que outras embarcacións que se atopan faenando na zona teñan que encargarse desas labores, e ao mesmo tempo seguir a traballar”.
Non pode ser que outros barcos que faenan na zona teñan que encargarse da busca e seguir a traballar
Neste senso, Xavier Aboi, do sector de Mar da FGAMT-CIG, sinala que o que está a acontecer lembra o sucedido hai máis de 30 anos tras o naufraxio do pesqueiro guardés 'Velasco II', cando outras embarcacións de pesca tiveron que facerse cargo da busca unha vez que as autoridades estatais responsábeis de salvamento deron por finalizados os traballos. “Máis de tres décadas despois semella que as cousas non mudaron demasiado para a xente do mar”, láiase Aboi.
Continuar coa busca
Por iso fai un chamamento a atender as demandas das familias dos afectados e do conxunto do sector, que reclaman que se continúe coa busca. “Que manden fragatas ou o que sexa necesario, de igual xeito que teñen feito para controlar a frota galega nesa mesma zona a petición de Canadá, ou da mesma forma que agora fan para participar en manobras militares polo conflito entre EEUU, Rusia e Ucraína”.
Finalmente, trasladou novamente o apoio da central sindical aos afectados e ás familias dos falecidos e desaparecidos no sinistro marítimo e expresou o desexo de que “máis pronto que tarde” se atopen as persoas desaparecidas ou os seus corpos “para que poidan ser despedidos polos seus seres queridos”.