A CIG reclámalle ao Concello de Vigo que se posicione a prol de manter a actividade naval nos terreos de Vulcano
Un posicionamento claro a prol de manter a actividade industrial nos terreos do antigo estaleiro Vulcano en Teis e levar a cabo as xestións necesarias para que a Autoridade Portuaria de Vigo condicione a nova concesión a que se dedique á construción e reparación naval. Isto é o que lle reclama a CIG-Industria ao alcalde, que hoxe mantiña unha xuntanza co comité de empresa e cunha representación de CCOO e UGT, encontro no que a central non participa ao entender que “chega tarde e non vai servir para nada”.
Dende a CIG lembran que a reunión fora solicitada hai dous meses polo presidente do comité, “pero o alcalde non contestou, e o que fixo foi ausentarse do consello de administración da Autoridade Portuaria no que se decidía o futuro do estaleiro, na que se aprobou a retirada da concesión dos terreos”. Ademais, o rexedor ten manifestado publicamente en varias ocasións que Vulcano non existe e xa non ten traballadores/as.
“Por iso non entendemos a que vén agora esta xuntanza, porque o que ten que facer o Concello é esixirlle ao Porto de Vigo que manteña a concesión para usos industriais, en concreto para a construción e reparación naval”, sinalan, ao tempo que instan os responsábeis municipais a facer as presións necesarias para que a Autoridade Portuaria condicione a nova concesión -que se aprobará presumiblemente no consello de administración que se celebra a final de mes- ás actividades de construción e reparación naval.
Con todo, dende a Unión Comarcal da CIG de Vigo dubidan de que o alcalde teña verdadeiro interese no mantemento dunha industria fundamental para a bisbarra como é a construción e reparación naval. “Do contrario non se entende que se negue a convocar o Consello Social da cidade -tal e como reclamamos até en dúas ocasións- para abordar a situación crítica que atravesa unha actividade da que dependen historicamente milleiros de familias”, indican.
Por iso reclaman que se lle dea unha oportunidade á empresa que adquiriu recentemente os terreos do estaleiro mediante unha concesión que permita o acceso á lámina de auga e que garanta a seguridade xurídica para manter a actividade industrial durante anos.
Críticas aos sindicatos estatais
Ao mesmo tempo, a CIG-Industria amósase moi crítica co papel que xogaron CCOO e UGT en todo o proceso, xa que “a súa pasividade e falta de iniciativa fainos responsábeis tamén da grave situación na que se atopa o sector”.
Os sindicatos estatais evitaron a vía do conflito e o resultado foi o que foi: Vulcano liquidado e Barreras a piques de desaparecer
Diante disto, dende a central sindical aseguran que non van ser partícipes dun xeito de actuar que pasa por intentar resolver a problemática de Vulcano en “xuntanzas estériles” que “non serven nin serviron para nada” nin obrigaron a posicionarse ás institucións participantes.
Lamentan que coa súa actitude o que fixeron os sindicatos estatais foi entorpecer a acción directa, que ao igual que en épocas pasadas, como durante a reconversión, foi a única que logrou frear a desaparición dalgúns estaleiros, como aconteceu coa propia Vulcano.
“Evitaron a vía do conflito e o resultado foi o que foi: Vulcano liquidado e Barreras a piques de desaparecer. E non hai que esquecer que estas dúas compañías representan o 60% da creación de emprego no sector na comarca de Vigo. Sen falar da perda de capacidade produtiva, xa que os proxectos que poden executar estes dous estaleiros son inviábeis en calquera outra instalación”, rematan.