A CIG reclámalle a Zona Franca Vigo que corrixa as deficiencias que ameazan a seguridade dos traballadores
A CIG rexistrou hoxe un escrito dirixido ao delegado do Consorcio Zona Franca Vigo solicitándolle unha xuntanza para abordar unha solución ás problemáticas en materia de seguridade viaria existentes no polígono de Balaídos e os riscos que supoñen para os traballadores/as. Delegados/as da central nas principais empresas elaboraron un informe que recolle as numerosas deficiencias detectadas, xa que constitúen unha grave vulneración tanto en materia de seguridade viaria como en seguridade e saúde laboral das persoas empregadas neste polígono.
O rexistro do escrito tivo lugar ao mediodía no edificio do Consorcio situado na área portuaria de Bouzas por parte do secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonzalves, que estivo acompañado por algúns dos delegados/as con cuxas achegas se elaborou o informe que recolle as deficiencias.
No documento saliéntanse, entre outras cuestións, os problemas derivados da falta de aparcamento, estacionamento indebido de vehículos en carrís de circulación, escasa ou nula iluminación nalgúns tramos, ausencia de accesos peonís seguros, inexistencia de marquesiñas para esperar o transporte público, sinalización deficiente ou as malas condicións do firme nalgunhas zonas.
Ao mesmo tempo, lémbrase que como consecuencia destas eivas xa se produciron ao longo deste ano numerosos incidentes e algúns accidentes nas vías de acceso e nos arredores do recinto da Zona Franca de Balaídos.
Por iso, a CIG solicítalle ao delegado unha reunión urxente para abordar estas cuestións, analizar posíbeis solucións e que se apliquen as medidas correctoras oportunas para garantir así un acceso seguro aos centros de traballo. Neste senso, a a central insta a que sexa o propio Consorcio quen tome a iniciativa de poñerse de acordo coas distintas administracións que teñen as competencias para resolver cada unha das deficiencias denunciadas.
Finalmente, reclama que se aproveite esta necesaria interlocución para demandar tamén a adecuación do acceso peonil dende o polígono de Navia até Zona Franca e a habilitación dun carril-bici tanto de acceso para estas zonas como de mobilidade dentro do propio polígono.
O informe foi elaborado coas achegas dos delegados/as de prevención e das seccións sindicais das empresas GKN Driveline, PSA Citroën, Gefco, Maviva, Clece, Senior, Avanza, ESC Servicios Auxiliares, Prosegur e Ilunion.
Aumento dos accidentes laborais
Dende a CIG lembran que a raíz da aprobación das últimas reformas laborais non fixo máis que aumentar o número de accidentes no traballo, sendo precisamente os accidentes in itinere os máis habituais. Neste senso, lembran que as compañías do sector da automoción -as que teñen maior presenza no polígono de Balaídos- contratan os servizos de empresas de transporte dos países do leste. Isto provoca a chegada de numerosos condutores que veñen até Galiza tras xornadas de traballo prolongadas e moitos quilómetros.
Ademais, os contratos a tempo parcial ou o abuso das ETT provocan que o trasfego de traballadores/as sexa incesante a todas as horas do día, non só nos cambios de quenda, coincidindo con eses camións mal estacionados. O elevado número de horas extras sen control tamén fai que os traballadores/as saian moi cansos despois de longas xornadas de traballo a altos ritmos de carga física, polo que os traxectos do domicilio ao traballo, e viceversa, son cada vez máis perigosos. “A isto hai que sumar a falta de empatía e de responsabilidade da Zona Franca e do seu novo delegado cos traballadores/as e coa súa seguridade”, rematan.