A CIG reclámalle á Xunta reformular todos os contratos do transporte para garantir os empregos e un servizo de calidade
A FGAMT-CIG compareceu hoxe en rolda de prensa para avaliar os novos contratos do transporte de viaxeiros/as por estrada publicados pola Xunta e que o Tribunal Administrativo Central vén de suspender de maneira cautelar, logo da impugnación das catro asociacións patronais. O responsábel de transportes da central sindical, Xesús Pastoriza, explicou que a CIG tamén presentou o pasado xoves a solicitude de suspensión cautelar e, á espera do pronunciamento do órgano autonómico, reclamou do Goberno galego que tome note e proceda a unha reformulación profunda dos contratos, tanto no que ten a ver coa dotación económica como nos medios humanos.
"Entendemos que a decisión do Tribunal Administrativo dános á razón nas nosas denuncias polo que esiximos á Xunta calma e que refaga todos os contratos para cumprir tanto as cláusulas sociais que ten asinadas coas centrais sindicais, como para garantir que o mapa de liñas sexa eficiente e funcional para os usuarios e as usuarias", aseveraba Pastoriza.
Sobre o anuncio da consellería de non avanzar na licitación dos contratos mentres non se pronuncie o Tribunal de maneira definitiva, Pastoriza entende que o Goberno galego dá este paso para así evitar que se entre no fondo do recurso. Neste senso, reiterou que a CIG tamén presentou o pasado xoves solicitude cautelar de suspensión sobre a que o Tribunal Administrativo se debería pronunciar esta mesma semana. "Agardamos que a resposta sexa na mesma liña que a dada á petición das patronais, aínda que os motivos que nos levan a presentala son distintos". Unha vez chegue a comunicación, avanzou, a CIG formalizará o recurso correspondente, sobre o que o órgano ten dous meses para pronunciarse.
Un deseño "irracional"
Na súa intervención, Pastoriza lembrou que, no Consello Galego de Transportes, a CIG foi a única organización que votou en contra do Plan de Transportes deseñado pola Xunta, que mestura os modelos lineal e zonal, creando una mapa de liñas que dificulta as conexións, sobre todo nas pequenas vilas, incrementa o número de transbordos (e polo tanto os prezos para os/as viaxeiros/as), deixa zonas sen servizos e inclúe o paso de rutas por lugares fóra de toda lóxica. "A Xunta fai este deseño caótico exclusivamente para integrar as liñas de transporte escolar e así aforrar cartos, en cómputo global calculamos que só dos contratos do transportes escolar faltan 40 millóns de euros", advertiu.
As consecuencias deste plan, engadiu Pastoriza, son unhas liñas de autobús e unhas paradas "totalmente irracionais". Como exemplo deste ordenamento caótico puxo o caso de Lalín, onde a Xunta contempla até cinco contratos diferentes de transporte en autobús "co único obxectivo de integrar o escolar".
Todos os contratos están infradotados
O mal deseño do Plan de Transportes vese agravado pola infradotación económica e de persoal dos contratos, o que imposibilita que se cumpran as cláusulas sociais que a Xunta asinou coas centrais sindicais. "Faltan cartos en todos os contratos, os orzamentos previstos pola Consellaría de Infraestruturas non chegan nin para cubrir os salarios. Só no primeiro ano, no contrato XG635 (A Coruña-Ferrol-Lugo-A Mariña) faltarían 672.000 euros en salarios, sen imputar outro tipo de gastos".
Esta situación repítese en todos os contratos: ao do Carballiño fáltanlle 300.000 euros; ao de Verín 528.000 euros; ao Lugo-Ourense 322.00 euros; no metropolitano de Pontevedra o déficit supera os 400.000 euros e no de Ferrol pasa dos 500.000 euros. "Son cifras escandalosas, e só falamos do primeiro ano, mais hai que ter en conta que as concesións son a dez anos", puntulizou.
Pero ademais, os pregos dos contratos recollen un número de traballadores e traballadores inferiores aos que actualmente prestan o servizo, a pesar de que o persoal ten recoñecido o dereito á subrogación e que recortar efectivos suporía non poder cumprir cos tempos de descanso obrigatorios por lei. Nese contrato XG635 por exemplo, a Xunta establece unha dotación de persoal de 20 condutores/as, cando na actualidade fan o servizo 26. Aínda máis rechamante é o caso do metropolitano de Ferrol, pois dos 51 condutores/as actuais, o novo contrato só contempla 30, mais 10 acompañantes que se incorporan agora ao integrar as liñas escolares.
Xunto a isto, sinalou que a Xunta só presuposta o custe económico do persoal condutor e acompañante, pero non prevé o custe doutro persoal que obrigatoriamente ten que ser subrogado, como administrativos/as, taquilleiros/as, mecánicos/as, limpadores/as, etc. "No contrato A Coruña-Ferrol o custe deste persoal no ano 2018 foi de 370.000 euros e no metropolitano de Ferrol de 470.000 euros, porén a Xunta orza cero euros para estas outras categorías".
Nerviosismo entre o persoal
A Xunta tampouco orza o custe económico do persoal doutras categorías que obrigatoriamente ten que ser subrogado"
O representante sindical trasladou o nerviosismo que existe entre os traballadores e as traballadoras do sector xa que a falta de dotación económica adecuada pode derivar no despedimento do persoal a pesar de ter dereito á subrogación (o que ademais, supón a perda do contrato para as empresas) ou na formulación de EREs por parte compañías, aducindo que os contratos son ruinosos.
Por estas razóns, a CIG demanda da Consellaría de Infraestruturas que reformule todos os contratos e os dote do orzamento e o persoal necesarios, cumpra así cos compromisos adquiridos en materia de emprego, e dote a Galiza dun Plan de Transportes funcional e eficiente.