A CIG reclámalle á Xunta que retire a orde para subvencionar a instalación de caixeiros automáticos
O pasado 22 de xuño, publicábase no DOG a Orde que regula as subvencións ás entidades financeiras para que instalen caixeiros automáticos e contraten axentes financeiros naqueles concellos que carecen de oficinas bancarias. Unha medida que a CIG-Banca cualifica de "indecente" por canto supón seguir transferindo cartos públicos ás mesmas entidades que previamente deixaron sen servizos financeiros a estas localidades e que se publica en plena conflitividade laboral polos despedimentos e a precarización derivada do proceso de reconversión salvaxe do sector.
Delegados e delegadas da CIG mobilizáronse este martes diante do edificio administrativo de San Caetano en Compostela para esixir a retirada desta medida que incentiva os peches de oficinas e, polo tanto, novos despedimentos nun sector que nos últimos dez anos destruíu milleiros de empregos e pechou centos de sucursais ao longo de todo o país.
A responsábel do sector de Banca da CIG, Rosa Conde, lembra que os ERE do BBVA e Caixabank destruirán preto de 12.000 empregos, mentres que o Santander está aplicando outro que contempla o despedimento de máis de 3.500 persoas e a subcontratación de 1.100 persoas.
Marxinación financeira
Neste contexto, a Xunta toma a decisión de premiar coa transferencia de máis recursos (o gasto ascende a 2. 883.600 euros para as anualidades 2021 a 2025) ás empresas responsábeis de deixar sen servizos financeiros á poboación. "A marxinación financeira é un feito non só no rural, senón cada vez máis, tamén en barrios e zonas periurbáns; sobre todo en función de renda e da rendibilidade coma cliente para o banco, ou agora pola fenda dixital", sinala Rosa Mª Conde.
Denuncia que, no canto de presionar ás entidades financeiras que operan en Galiza e ao goberno de Sánchez para obrigalas a que garantan os servizos, a Xunta non só favorece, senón que mesmo premia cunha subvención, o peche de oficinas, a redución de servizos á cidadanía e a destrución de emprego. “Non podemos tolerar que bancos con beneficios multimillonarios despidan grazas ás reformas laborais do PSOE e do PP e aínda por riba Feixó lles pague por facelo", asevera.
A CIG-Banca lembra que foi precisamente a Xunta de Galiza, e nomeadamente o Partido Popular, os máximos responsábeis da actual situación do sistema financeiro galego como impulsores do proceso de concentración e privatización dun sector ao que se lle segue transferindo diñeiro público cando teñen beneficios multimillonarios.
A CIG está aberta a un debate público e social sobre como afrontar a marxinación financeira, "pero non a que se subvencione con recursos públicos ás empresas responsábeis dos peches e dos despedimentos".
Pacto para restrinxir horarios e servizos
Nesta liña, cómpre subliñar que a CIG presentou denuncia ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) para que investigue se as restricións do servizo de caixa por parte das entidades financeiras, posta en marcha practicamente ao unísono e cos mesmos horarios (de 8 a 11), responde a un pacto entre elas. As denuncias afectan a bancos asociados á AEB (Asociación Española de Banca) e á CECA (Confederación Española de Cajas de Ahorros).
Para a CIG-Banca trátase dunha restrición dun servizo que ten a consideración de básico conforme á lexislación europea e española e que continúa tendo demanda, sobre todo en amplos segmentos da poboación que ten máis dificultades para facer uso das novas tecnoloxías.
Esta restrición de servizos, ademais, está sendo utilizada nos informes técnicos que os propios bancos están utilizando para tratar de xustificar os expedientes de despedimento colectivo, é dicir, para despedir o persoal que tradicionalmente atendía as caixas.