A CIG reclámalle á Xunta que dote os SAF dos orzamentos suficientes para garantir condicións laborais dignas e unha atención decente
A CIG reclama que se dote o servizo de axuda no fogar cuns orzamentos suficientes para garantir unha prestación de calidade ás persoas usuarias e unhas condicións laborais dignas para as traballadoras. No marco da reunión entre Política Social e a FGAMP para abordar esta cuestión, a CIG considera unha burla a proposta da Xunta de Galiza de incrementar 1 euro o financiamento do SAF até acadar os 16€/hora en 2028, tendo en conta os custes reais do servizo e a incapacidade orzamentarias de moitos concellos para poder afrontar os gastos neste materia.
O secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, critica que nestes momentos a Xunta só achega a contía de 12 euros/ hora e considera “totalmente insuficiente a proposta de subir 14 euros/hora no ano 2026, xa que non alcanza o nivel orzamentario para que o servizo se preste nas condicións que precisa o sector”.
Hai que lembrar que a axuda a domicilio é un servizo público que a Xunta de Galiza derivou ás administracións locais, mais sen asignarlle as contías suficientes. A súa vez, a maioría dos Concellos apostaron por externalizar o SAF en empresas privadas, precarizando a calidade na asistencia e condenando as traballadoras á escravitude ao sacar pregos de condicións infradotados e mesmo en baixa temeraria.
Urxe que a Xunta de Galiza asuma as súas competencias e que, dunha vez, as administracións acheguen as partidas suficientes ao SAF. Cómpre rachar co modelo privatizador e mercantilizador dos coidados, baseado nunha precariedade económica que provoca, ademais do deterioro da calidade asistencial, que as traballadoras estean cun convenio colectivo sen actualizar dende o ano 2012.
A Consellaría de Política Social non pode seguir ignorando as demandas das traballadoras que levan anos mobilizándose pola dignificación laboral e polo recoñecemento social das tarefas que realizan; nin pode seguir ignorando as necesidades de apoio que teñen as persoas dependentes e as súas familias.
Por iso, a CIG tamén continuará reivindicando a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que xestione todos os recursos (residencias, centros de día, atención á diversidade, Servizo de Axuda no Fogar, Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado…) nunha rede única, cos orzamentos precisos, con persoal suficiente e condicións laborais xustas, baixo un único convenio colectivo galego.
Urxe aprobar un protocolo de prevención eficaz
Doutra banda, a CIG está á espera de que a Xunta e a FEGAMP convoquen a mesa de traballo para a aprobación inmediata dun protocolo de prevención e actuación ante situacións de violencia no SAF que garanta a seguridade e integridade das traballadoras, atendendo ás contundentes consideracións recollidas nos informes elaborados pola Inspección de Traballo e do ISSGA ante a denuncia da CIG polo asasinato da traballadora do SAF do Porriño.
Ambos documentos corroboran todas as propostas feitas pola CIG no mes de agosto para rematar co risco grave e inminente no que traballa o persoal do SAF, xa que toda a normativa que articula os SAF en Galiza fai unicamente referencia á protección das persoas usuarias, pero obvia os dereitos e a protección das traballadoras, o que as obriga a asumir a súa propia protección mediante a renuncia o servizo.