A CIG reclámalle a Hiperxel que abone de inmediato as nóminas pendentes e abasteza as tendas de mercadorías
A CIG-Servizos denuncia as incidencias e atrasos no pago das nóminas ás traballadoras e traballadores das tendas de Xeldist Hiperxel, a quen a empresa ten pendente de ingresarlle as pagas extraordinarias devindicadas e o salario de marzo, aínda que nalgúns casos debe máis dunha nómina.
Esta situación de maltrato empresarial xa fora sufrida polo persoal a finais de 2022, antes da campaña de nadal. Naquel momento, grazas ás mobilizacións e á loita das traballadoras/es, a compañía ingresou as nóminas adebedadas e abasteceu de mercadorías as tendas, aínda que o obxectivo último desta actuación non era outro que facer caixa a conta do traballo das compañeiras aproveitando as altas vendas da época de nadal.
Agora, repítese unha situación parecida: a empresa non dá sinais de vida, non se abonan as nóminas do persoal e as tendas teñen de novo falta de mercadoría.
Non cobrar os seus salarios, sumado á incerteza sobre o futuro dos seus empregos, provoca que as traballadoras e os traballadores padezan unha situación insostíbel. Hai que ter en conta que é persoal que traballa de cara ao público, cunha clientela consolidada á que atenden coa mellor das actitudes, mentres carrexan unhas condicións laborais, económicas e psicolóxicas límite.
Por todo isto, a CIG-Servizos exíxelle á empresa que normalice os pagos canto antes e que leve de inmediato produtos ás tendas. Do contrario, iniciarase un conflito sindical e convocaranse as mobilizacións e todas as medidas que sexan necesarias para garantir os dereitos das traballadoras e dos traballadores de Xeldist Hiperxel.