A CIG reclámalle a Limpiezas JCórdoba que lle abone de inmediato ao seu persoal a nómina pendente
A CIG-Servizos denuncia as incidencias e atrasos no pago das nóminas ás traballadoras e aos traballadores do servizo de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias, por parte da nova concesionaria Limpezas JCórdoba (STC).
Esta situación de maltrato empresarial, explica a CIG-Servizos, iniciouse no mesmo momento da subrogación do servizo, ao realizar a empresa as comunicacións desa subrogación fóra dos prazos estabelecidos.
Agora, ademais de non atender as incidencias que xorden a diario no servizo -como a falta de uniformidade, de material de traballo ou a falta das máquinas de limpeza de xeito operativo-, a empresa "de xeito unilateral e coa complicidade de Correos, decide non pagar a nómina de maio".
"Non abonar os salarios polo traballo feito para obrigar as persoas traballadoras a que saían á rúa defender o seus dereitos, e así que a empresa aproveite a presión sindical para solucionar os seus conflitos particulares con Correos, define de xeito moi claro que tipo de compañía é esta", advirte a CIG-Servizos.
Por todo isto, exíxelle á empresa que proceda ao pago inmediato da última nómina, pois do contrario, iniciarase un conflito sindical e convocaranse as mobilizacións e todas as medidas necesarias para garantir os dereitos das traballadoras e traballadores de Limpieza Jcordoba (STC).