
A CIG reclámalle á Fundación 061 e ao SERGAS que apliquen xa o protocolo de actuación ante agresións no transporte sanitario

Delegados da CIG no sector do transporte sanitario da área da Coruña compareceron este luns en rolda de prensa para reclamarlle á Consellaría de Sanidade que implante e implemente o protocolo de actuación ante agresións do sector. Denunciaron que malia estar negociado na comisión sectorial e publicado no DOG, o protocolo deste servizo público non se está aplicando e o persoal non ten as ferramentas precisas nin as directrices para actuar diante dunha agresión como a rexistrada na pasada semana nas Urxencias do HUAC.

"A prevención de risco está para actuar antes, non despois de que pasen as desgrazas", aseverou Ernesto López Rei, responsábel de Saúde Laboral da CIG da Coruña. Criticou que a pesar de toda a política de propaganda do Goberno da Xunta "non existen, ou se existen non se coñecen, os protocolos de actuacións ante agresións no SERGAS. O único que hai é un documento do ano 2012 que nin se actualizou nin se implantou e só se refire ás situacións de agresións con doentes psiquátricos/as. E iso foi o que presentou o Xerente na reunión do Comité de Saúde Laboral celebrada tras o apuñalamento".
Protocolo ineficaz porque non se aplica
No camiño contrario, na comisión sectorial do transporte sanitario, a patronal e a representación social si pactaron un protocolo no que se recollen unha serie de indicacións de como actuar diante dunha situación que poida supoñer un risco de agresión. Este documento foi publicado no DOG en setembro de 2023 "e aínda que llo trasladamos á Delegación do Goberno, que tamén ten responsabilidades neste ámbito, ao SERGAS e á Fundación pública urxencias sanitarias-061, ninguén nos fixo caso e non se implementou até o momento en ningunha área sanitaria".

López Rei explicou que a lexislación en materia de prevención obriga a contar coa figura dun coordinador de seguridade naqueles centros nos que conviven distintas actividades cuxas interferencias poden dar lugar a problemas de coordinación. No caso da sanidade pública estas actividades implican ao persoal do transporte sanitario, ao propio persoal do SERGAS e ao persoal dos servizos de vixilancia privada. "Mais non existe tal figura e dende o apuñalamento da pasada semana non se adoptou ningunha medida para evitar que se volvan repetir feitos similares".
Neste senso, Diego Cobos, delegado da CIG no transporte sanitario urxente, salientou que, ao non estar implantando "déixanse na man das persoas traballadoras os criterios a tomar ante unha situación de agresión". Lembrou que o persoal das ambulancias é o primeiro en chegar "e se nun servizo hai unha persoa agresiva, temos que decidir nós que tipo de recursos hai que enviar".
Cobos indicou que as agresións físicas non son as máis frecuentes pero si se rexistran numerosas agresións psicolóxicas. "Hai pacientes que nos cuspen, que nos tiran do pelo, que nos lanzan pequenos obxectos, nos insultan, ... e no momento de informar deste tipo de situacións, a contestación da Fundación 061 é se podemos continuar co servizo. Por iso, o que demandamos son unhas garantías de como actuar, de poder negarnos a atender un doente agresivo mentres non chega o persoal médico ou as forzas de seguridade. Só pedimos que o SERGAS se implique para poder traballar en condicións de seguridade", concluíu.