A CIG reclámalle á Deputación de Lugo que integre no seu cadro ao persoal de mantemento de áreas verdes
Nas últimas datas, e tras un anuncio do PP ao respecto dunha sentenza do Tribunal Supremo declarando nula a compra dunha acción de Tragsa por parte da Deputación de Lugo, e da resposta da institución dicindo que a sentenza non afecta á actual encomenda de xestión do mantemento das áreas verdes, o persoal de dito servizo volve a estar inmerso nunha batalla política da que unicamente son vítimas os traballadores e as traballadoras
A CIG sempre defendeu que o persoal do servizo de mantemento das zonas verdes debera de ser subrogado á propia Deputación ao producirse a disolución de Suplusa, e entende que tras esta nova sentenza xérase “un momento propicio para que desde a Deputación se adopte a medida de integrar a estes traballadores e traballadoras na cadro propio do ente provincial”.
Este grupo de traballadores e traballadoras, todo persoal de xardinería, foi o único que despois de estar en organismos públicos da Deputación, aos que o ex-presidente Tomé denominou no seu día como “chiringuitos”, non foi subrogado pola propia Deputación, como si pasou co persoal do Inludes, Fundación TIC, e o persoal de oficina da propia Suplusa.
Trato discriminatorio
A CIG continúa a denunciar “que é absolutamente incomprensíbel e discriminatorio o tratamento da Deputación con estes traballadores e traballadoras, pois teñen pasado por procesos de selección para acceder ás súas prazas e non debera existir impedimento legal ningún para a súa subrogación”. O secretario da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, salienta ademais que o feito de non subrogar a este persoal “foi unha decisión impropia dun goberno progresista, que non tivo problemas para subrogar o persoal administrativo e técnico, pero que se desentendeu do persoal que viste funda de traballo”.
Por iso, a central reclama de novo ao goberno provincial para que, máis alá dos avatares xurídicos e aproveitando este novo escenario, “recapacite e opte pola subrogación deste persoal á propia Deputación en igualdade de condicións ás do resto de persoal das entidades públicas dependentes. Non se trata dunha decisión técnica nin xurídica, senón dunha decisión política, polo que nas súas mans está rematar coa discriminación á que levan sometendo a este colectivo desde que se aprobou a disolución de Suplusa”.