Reclámanlle á Consellaría de Educación que remate coas deficiencias do conservatorio superior de música de Vigo
O sector de Autonómica da CIG-Administración instará o Comité de Seguridade e Saúde dos centros de ensino a avaliar as necesidades do conservatorio superior de música de Vigo para obrigar a Consellaría de Educación a rematar “dunha vez por todas” coas numerosas deficiencias que presenta o edificio.
Dende a central lembran que o pasado mes de novembro unha representación dos alumnos/as deste centro dependente da Consellaría mantiveron unha xuntanza coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, para comunicarlle o deterioro e as condicións de inhabitabilidade das dependencias do conservatorio.
Os alumnos/as acompañaron a denuncia coa presentación de fotos e vídeos nos que quedaban de manifesto as “penosas” condicións do centro: nos días de choiva a auga deslízase polas paredes interiores, o parqué está levantado, hai desprendementos do falso teito, fiestras que non pechan, portas que caen, etc.
“A delegada territorial amosouse moi interesada e manifestou o seu máis firme compromiso en adoptar as solucións necesarias, pero chegou o mes de febreiro e todo segue igual, polo que os afectados/as entrevistáronse co xefe territorial de Educación, que tampouco foi quen de darlles unha solución”.
Paralelamente, recolleron sinaturas de protesta entre o persoal docente e o alumnado e presentaron unha denuncia na Inspección de Traballo.
Agora será a CIG-Administración a que intentará forzar a Consellaría a actuar mediante unha solicitude ao Comité de Seguridade e Saúde dos centros de ensino para que avalíe as necesidades do edificio.