A CIG reclama unha reunión urxente da mesa de seguimento de Alcoa e estuda denunciar na vía xudicial a declaración de forza maior

A Marina - 15 Mai 2025

Logo   de  negarse a  construír  o  forno  de ánodos, tal e como estaba recollido no acordo asinado coa representación legal, agora  Alcoa  incumpre tamén o  segundo  dos  puntos fundamentais do acordo e deixa  de arrancar cubas. A sección sindical da CIG denuncia que alegar causas de forza maior para suspender o  rearranque  “é  unha  fraude”.

“Forza maior foron as  horas do  día do  apagamento e  as posteriores necesarias para salvar as plantas”, aseveran. Porén, pretender xustificar unha causa de forza maior no prezo da electricidade é unha nova burla da multinacional á que lle negan “calquera credibilidade”.

Diante disto, a CIG insta a solicitar unha reunión urxente da mesa de seguimento; e defende a necesidade de nacionalización de Rede Eléctrica e a creación dunha empresa eléctrica estatal. Ademais, a CIG estuda denunciar na vía xudicial a fraude da declaración de forza maior como excusa para suspender de xeito indefinido o rearranque das cubas. Máis cando a empresa ten intención de non saír da forza maior até que o Goberno aclare as causas do apagamento, informe das medidas que vai tomar e asegure que non vai repercutirlles o custe das mesmas.

Hai que lembrar que a CIG leva anos reclamando e mesmo impulsou ILP para a creación dunha  tarifa eléctrica galega para rebaixar a factura, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que desde hai décadas ten o noso país.

Ademais, nas últimas semanas a CIG presentou o documento “Bases para unha estratexia galega da enerxía. Obxectivos e actuacións”, no que se recollen toda unha batería de medidas e propostas para poñer a enerxía ao servizo do pobo, rompendo co actual modelo colonial, promovendo a soberanía, a xustiza social e a sustentabilidade.

Un novo engano da empresa

Resulta escandaloso que o administrador único da compañía eléctrica coa que se asociou Alcoa -Ignis EQT- lle traslade ao comité que ten que presionar o Goberno para que asuma o custe do incremento do prezo da luz que atribúe ao apagamento, cando é esta sociedade a que lle cobra a Alcoa.

Propor que sexa os e as consumidoras privadas quen pague este incremento “é unha fraude, igual que o é o argumento para xustificar que as eléctricas cobren a luz dos embalses ao prezo dos ciclos combinados”, critica a sección sindical. Nesa liña, denuncian que se pretenda esa suba de 15€ no prezo da luz porque non hai estabilidade na rede “cando é o administrador único dunha empresa de renovábeis que non montou estabilizadores nos seus parques”.

Neste contexto de incumprimentos reiterados, o descoñecido MOU evidencia a súa invalidez, tendo en conta que tanto o Goberno español como a Xunta de Galiza lle deron o seu aval, asegurando que ía garantir o futuro do complexo industrial e  “en base ao que deberíamos renunciar ao forno de cocción e converternos nunha fábrica zombie”.

En toda esta situación non se pode esquecer a anomalía que supón o sistema eléctrico español privatizado polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP “a cambio de portas xiratorias para algúns cargos públicos”.