A CIG reclama unha atención "de calidade e sen discriminación" nas administracións públicas
No marco da campaña en demanda de atención presencial e por unha atención á cidadanía de calidade e sen discriminación, a CIG-Administración Pública, xunto co colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, mobilizouse este mañá na Coruña diante do edificio da Delegación do Goberno. Na protesta denunciouse que "coa escusa da transformación dixital e a cita previa a parte máis vulnerábel da cidadanía está a ser expulsada sen pudor das nosas administracións e servizos públicos”.
O secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, subliñou que o avance nas tecnoloxías non pode implicar que haxa unha discriminación na atención á cidadanía. "Entendemos que o futuro da administración será pola vía telemática e dixital pero non se pode desatender a demanda dunha grande parte da sociedade porque non teña os medios ou a formación adecuada". Por iso, Carballo reclamou un reforzo da atención presencial e a atención directa, "que é fundamental para prestar un servizo de calidade".
Neste senso, rexeitou que se utilice o sistema de cita previa, "que pode ser unha ferramenta útil", para reducir a cantidade de persoas que acoden á administración e desvialas á vía telemática. "Reclamamos que se axusten as ratios de cita previa ás necesidades reais, porque non é aceptábel que se estean a dar citas a dous meses vista, como está pasando no INSS ou na Tesoureiría da Seguridade Social". Dous ámbitos, advertiu, nos que existe unha elevada carga de traballo e nos que falta persoal, que ademais se deriva á cubrir a telemática.
Outra das administracións nas se están rexistrando problemas graves é na oficina de estranxeiría na Subdelegación do Goberno da Coruña. "Hai un artaso moi grande, máis dun mes para obter a cita previa, porque non hai. Isto ocasiona serios trastornos ás persoas que necesitan facer o permiso de residencia, porque lle vence o período para estar no país e non conseguen facer os trámites por culpa da cita", alerta.
"Pedimos que se potencie a atención directa, que se cubran todas as vacantes e que se creen postos de atención telemática que agora non existen e que se ocupan con persoal que deixa de ofrecer atención presencial". Carballo indicou que esta problemática afecta a todas as administracións e por iso o pasado mes, a CIG-Administración xa desenvolveu unha concentración similar diante da Xunta en San Caetano.
De xeito paralelo, o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas ten en marcha unha campaña contra a exclusión dixital no marco da que están recollendo sinaturas que entregarán o vindeiro 10 de maio á Valedora do Pobo.
Dificultades na solicitude dunha cita
Carballo lembra que conseguir unha cita xa constitúe unha enorme dificultade porque “nin todas as persoas usan internet, nin o público xeral ten acceso á linguaxe técnica, nin é doada a comunicación con máquinas en lugar de con persoas” e mesmo que, en moitos casos, “supón un custo económico para algúns sectores da sociedade” que, por diversas causas só poden acceder aos servizos públicos se contan coa axuda de familiares ou pagando a asesorías pola realización de tarefas que, subliñou “corresponden recibir das administracións e do seu persoal”.
Lembrou que a CIG leva anos denunciando que “asistimos a unha inquietante conxunción de desmantelamento e privatización de servizos e a un proceso de dixitalización e dificultades de acceso físico aos organismos para realizar trámites que están a provocar un distanciamento nunca visto da administración coa cidadanía”.
Falta de persoal e privatización
Carballo alertou que para atención presencial derívanse cada vez menos recursos humanos e incluso para a tramitación electrónica “a formación das empregadas e empregados públicos é insuficiente ou inexistente, os medios técnicos arcaicos, os sistemas usados pouco intuitivos e mesmo hai múltiples fallos de conexión”.
Canda isto denunciou este modelo de “xestión de políticas liberais” e rexeitou que a privatización de servizos públicos “se normalice”, como ocorre en numerosos exemplos de servizos públicos que están a ser xestionados por empresas privadas.
Este é o caso de SEGIPSA, que xestiona actividades do Catastro; TRAGSATEC, que leva entre outras xestións a do ingreso mínimo vital e a execución dun servizo de apoio técnico á consellaría de Política Social na xestión de diversas axudas; EGFP SA, participada nun 60% polo BBVA, nun 20% por CCOO e outro 20% por UGT, que xestiona o plan de pensións privado da AXE con fondos públicos; ou o servizo de atención telefónico, fundamental para a xestión da cita previa, que está practicamente privatizado "ademais de non funcionar".
Por iso considerou que o cambio de sistema “non pode servir de amparo para xustificar o profundo deterioro dos servizos públicos que a sociedade galega está a padecer, nin para afondar nesas privatizacións”.