A CIG reitera que o salario mínimo ten que chegar aos 1150 euros mensuais, o 60% do salario medio actual
A CIG reitera a súa reclamación de que o salario mínimo interprofesional se eleve até os 1150 euros ao mes para situalo no 60% do salario medio actual, tal e como establece a Carta Social Europea. Dende a central sindical acusan o Goberno español de botar man de datos antigos para limitar o seu incremento, de xeito que cada persoa traballadora deixará de ingresar 100 euros mensuais.
A semana pasada un comité de expertos/as designado ad hoc pola ministra de Traballo, no que participan representantes de UGT e CCOO, da CEOE e Cepyme, así como os Ministerios de Facenda e Economía, propuxo que o SMI tiña que situarse nun tramo entre os 1011 e 1049 euros ao mes para o vindeiro ano 2023, de xeito que alcanzase o 60% do salario medio do Estado español.
Este comité suxire tamén que existe a “alternativa” de concentrar a suba nos últimos anos, ao tempo que considera que nun escenario “prudente” o incremento en 2021 pode ser de entre un 1,3% e un 2% (cando o IPC actual é do 2,7%). Ao mesmo tempo, chegan a cuantificar a suba baseándose nas previsións de incremento do PIB e non do IPC, “demostrando que os acordos de negociación colectiva asinados polos chamados axentes sociais e o Goberno do PP seguen vixentes pese ao cambio de Goberno”.
Dende a central sindical lembran que o pasado día 8 de xuño o Estado español ratificaba a Carta Social Europea, que no seu artigo 4 “recoñece o dereito das persoas traballadoras a unha remuneración suficiente que lles proporcione a elas a ás súas familias un nivel de vida decoroso”. E foi o Comité de Dereitos Sociais de Europa o que estableceu ese salario decoroso, situándoo alomenos no 60% do salario medio.
Neste contexto, a comisión de expertos/as colle como referencia para calcular o SMI os datos aportados pola Enquisa de Estrutura Salarial do ano 2018, que apunta a un salario medio anual de 24.009,12 euros ou a un salario mensual de 1028 euros en 14 pagas. Cando o salario medio mensual do último trimestre do ano 2020 foi de 1899,9 segundo o propio INE.
Polo tanto, o 60% dese salario neste ano 2021 debera ser de 1139,94 euros, aproximadamente uns 100 euros ao mes máis da prometida suba salarial que queren aplicar no ano 2023. Mais a este incremente temos que engadirlle as diferentes subas do IPC nos anos 2021, 22 e 23 (actualmente o IPC está no 2,7%) que se perderían ao aplicar o cálculo do ano 2018 sen ter en conta todas as subas que se van a producir até 2023.
Pobreza laboral
Na CIG sinalan que tanto os Goberno como os axentes sociais coñecen a existencia dun compromiso da Unión Europea para acabar coa competencia a base de salarios baixos e coa pobreza laboral da que algúns estados membros, entre os que se atopa o Estado español, participan. “E ante a obriga de aumentar o salario mínimo, co visto bo da patronal e de CCOO e UGT vanlle roubar máis dun 10% do soldo ás persoas traballadoras máis empobrecidas, que na súa maioría son as mulleres, a mocidade e as migrantes”.
Vanlle roubar un 10% do soldo ás persoas traballadoras máis empobrecidas
Neste senso, inciden en que mentres a maioría dos estados aumentaban o SMI para o ano 2020, o Goberno español conxelouno, facendo perder poder adquisitivo ás persoas traballadoras máis necesitadas nun momento de crise como o actual.
Ademais, denuncian que o propio Banco de España publica informes “enganado e confundindo” a opinión pública sobre unha suposta perda na creación de emprego polos efectos do SMI. “É curioso que este organismo, que non fai o seu traballo de control das entidades financeiras, se dedique a introducir súa ideoloxía neoliberal e antiobreira na opinión pública”.
Diante disto, dende a CIG demándanlle ao Ministerio de Traballo e ao Goberno español no seu conxunto “que deixen de mentir e de enganar á clase traballadora” e que incrementen o SMI até os 1150 euros mensuais, e que manteñan as subas anuais ligadas ao IPC. Tamén solicitan a supresión do Indicador de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do salario mínimo como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera prestación social pública, ademais de empregalo para o cálculo das pensións mínimas.