A CIG reclama un convenio digno para as traballadoras e traballadores de hostalaría
Traballadores e traballadoras de hostalaría concentráronse esta mañá en Compostela para reclamar da patronal do sector un convenio digno. Denuncian baixo salarios, xornadas interminables facendo horas que non se cobran, nula conciliación da vida laboral e familiar, traballo en festivos, sábados e domingos, sen poder gozar de vacacións no verán.
Así o explicaba na propia concentración, que se celebrou na Praza de Galiza, en Compostela, o representante da CIG-Servizos, Roberto Alonso, que explicou que “estamos asistindo á grande escapada, sobre todo despois da pandemia, na que a xente do sector, a falta dunhas condicións dignas, fuxiu para outras profesións ou colleu o camiño da emigración diante das insoportables condicións laborais”.
Por iso as traballadoras e traballadores denunciaron que “estamos fartas de escoitar, a diario, que non hai persoal para traballar, o que non hai é quen queira continuar coas condicións míseras que temos”.
Convenio colectivo
Con esta concentración, convocada o día anterior a que se reúna a mesa na que se está negociando o convenio” denunciábase ademais que se xa as condicións fan insostíbel continuar desenvolvendo o traballo neste sector, a patronal aínda quere empeorar a situación máis.
Neste sentido, Alonso advertiu que “temos claro que este sector ten futuro, pero con condicións dignas e con persoal profesionalizado e formado”, unha cuestión respecto da que lembrou que se están dando axudas para formación que non están sendo utilizadas.
Xunto a isto Alonso reclamou xornadas que permitan conciliar e, sobre todo, salarios dignos que permitan chegar a fin de mes. Apuntou que a CIG reclama un incremento do IPC ante a actual carestía de vida e incidiu en que “para facer atractivo o sector temos que conseguir un convenio xusto”.