A CIG reclama redobrar a seguridade do persoal de Pizarras La Campa ante a posibilidade de novos derrubamentos
O secretario comarcal da Federación da Construción e da Madeira da CIG en Lugo-A Mariña, Afonso Losada, visitou o pasado xoves a nave de elaboración de lousa de Pizarras La Campa en Folgoso do Courel a fín de comprobar os efectos do derrubamento producido na ladeira da montaña na que está situada a empresa e a súa canteira.
Unha vez alí, puido constatar, acompañado da delegada da CIG e membro do comité de empresa, Tania Cobo, os danos producidos polo derrubamento da ladeira da montaña sobre a que se asenta a canteira de lousa de Pizarras La Campa e a carón da nave de elaboración.
Hai que subliñar que foi o derrubamento de dúas galerías, nas que afortunadamente non se estaban a realizar labores extractivas, o que provocou a caída da ladeira da montaña ocasionando graves danos na estrada Lu-651, que quedou inutilizada nun tramo de 200m.
Ao día seguinte ao derrubamento, denuncia Losada, a empresa xa requiriu o persoal a acudir a traballar pola tarde, a pesar da inquietude existenre e sen ofrecer máis explicación que “está todo en orde”. O secretario comarcal da FCM-CIG intentou visitar a zona da canteira para comprobar in situ os danos, sen que dende a empresa llelo permitiran e limitándose a dicir que estaban os técnicos da compañía revisando o lugar e que se trata dun tema interno.
“É por iso, que dende a CIG imos solicitar unha reunión do comité coa direción para que nos apcheguen informes técnicos que avalen a continuidade dos traballos e a seguridade de que non vai haber afectacións futuras en zonas de labor para. Reclamamos ademais, redobrar as medidas de seguranza e inspeción na ladeira da montaña e en todas as zonas de traballo, tanto na canteira coma na propia nave, que está moi preto da zona afectada”, sinala Losada.
Reunión coa alcaldesa
Posteriormente á visita na empresa, os responsables da CIG dirixíronse ao Concello de Folgoso do Courel onde foron recibidos pola alcaldesa, Dolores Castro, a quen lle agradecen a achega da información que obra no seu poder “e que resultou, moitísimo máis ampla que a trasladada pola empresa”, salienta.
Losada resalta a preocupación mutua polo estado da ladeira da montaña e polas repercusións futuras nos empregos, así como pola propia comunicación por estrada do Concello e da propia empresa.
Neste sentido, a CIG e, despois de comprobar o estado da estrada alternativa que están a empregar a veciñanza e os traballadores e traballadoras, reclama a realización de obras de mellora urxentes, tales como a ampliación da estrada “onde sexa inmediatamente posíbel a fín de favorecer o cruzamento de vehículos dada a estreitez da vía e o realfastado para mellorar o firme, posto que os traballos na LU-651 vanse a demorar cando menos varios meses”.