A CIG reclama que se considere tamén enfermidade profesional o contaxio de Covid-19 para o persoal de ambulancias
A FGAMT-CIG vai iniciar contactos institucionais e dirixirase á Xerencia do SERGAS para que insten o Goberno español a modificar o Real Decreto Lei 3/2021 de maneira que se inclúa tamén no recoñecemento de enfermidade profesional por Covid-19 ao colectivo de traballadores/as do transporte sanitario (tanto urxente como non urxente).
O RDL 3/2021 do 2 de febreiro recolle medidas relativas á Seguridade Social e á prestación para as e os profesionais dos centros sanitarios e sociosanitarios que no exercicio da súa profesión contraeran o virus SARS-Cov-2, equiparándoas ás prestacións que teñen as traballadoras e traballadores afectados por unha enfermidade profesional. Porén, ademais da falta de concreción na súa aplicación, o decreto exclúe desta cobertura a todo o persoal de ambulancias xa que non se considera persoal sanitario.
Para o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, esta decisión do Goberno español supón unha nova discriminación con este colectivo de traballadores/as, que sufre unha elevada exposición ao risco de contaxio dende o inicio da pandemia.
A isto hai que engadirlle que o persoal de emerxencias foi situado na segunda liña de vacinación, pero os traballadores/as que realizan o transporte non urxente foron relegados á terceira liña, polo que aínda non comezaron a recibir a vacina. E iso, explica Pastoriza, cando este persoal é o que traslada a doentes con covid entre os hospitais e o que leva as persoas contaxiadas que, estando nos seus domicilios, teñen que acudir aos centras sanitarios, por exemplo, a recibir tratamento.
"Entendemos que esta exclusión no recoñecemento como enfermidade profesional e que se relegue das primeiras fases de vacinación, pon en evidencia a escasa valoración que o Goberno español ten deste colectivo laboral, malia estar na primeira liña de atención ás persoas con Covid-19 e ter un contacto directo e unha exposición continuada ao virus", denuncia Pastoriza.
Por iso, dende a CIG tomaranse as medidas necesarias para que o recoñecemento de enfermidade profesional sexa extensivo a todo o persoal que traballe na sanidade e que se comece a vacinar xa os traballadores e traballadoras do transporte non urxente, pola intensa exposición que teñen ao virus.