A CIG reclama que a Xunta poña en marcha con carácter urxente medidas preventivas no sector das ambulancias
A FGAMT-CIG denuncia o deixamento e a irresponsabilidade da Xunta de Galiza cun colectivo tan sensíbel e fundamental ante calquera resposta sanitaria como é o dos traballadores e as traballadoras do transporte sanitario. Malia a situación xerada pola expansión do coronavirus, a Administración galega non convocou a representación do persoal para tratar as medidas preventivas e de actuación específicas para este sector e non será ate o luns cando o 061 manteña unha reunión coas centrais sindicais, cando xa foi decretado o estado de alarma.
O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, subliña que a central leva anos denunciando unha serie de deficiencias e incumprimentos por parte das empresas tanto do transporte sanitario urxente como do programado, que cobran maior gravidade ante a situación actual e que requiren dunha actuación inmediata e contundente por parte da Xunta.
Neste senso, critica que se está a actuar por parte do Goberno galego "cunha absoluta improvisación e hai toda unha serie de cuestións que teñen que resolver de xeito urxente". Así, advirte que se están a desinfectar ambulancias na rúa, cando esta práctica contravén calquera normativa en materia de seguridade, sen que haxa control por parte da Administración.
Xunto a isto, subliña que non hai roupa suficiente para que os traballadores e traballadoras se poidan cambiar todas as veces que sexa necesario. Tamén faltan EPIs e non existe a mesma previsión de dotación para as ambulancias que hai para os servizos sanitarios, cando o transporte é parte esencial destes servizos.
A maiores, Pastoriza reclama que haxa unha prohibición radical e se faga un estrito seguimento daquelas empresas que están mandando o persoal que lave a roupa na casa, práctica totalmente ilegal. "Ao longo dos anos, a base de presentar denuncias fomos conseguindo que se eliminara esta práctica na maioría das empresas e que se faga a correcta desinfección da uniformidade. Pero aínda quedan empresas, sobre todo nalgunhas zonas de Lugo e Ourense onde seguen mandando as/os traballadoras/es que levan a roupa do traballo na casa", alerta.
E para evitar posíbeis contaxios e riscos, tamén pide que se prohiba que os/as doentes ou as persoas que os/as acompañan poidan ir na parte diante da ambulancia, xa que non está preparada para a desinfección, ao ser como a dun vehículo calquera.
Todas estas cuestións, que para Pastoriza son da máxima urxencia, serán postas enriba da mesa na xuntanza do vindeiro luns coa Fundación Urxencias 061.