A CIG reclama que na primeira reunión da mesa das Pontes se fale xa de medidas concretas
Traballadores e traballadoras das industrias auxiliares de Endesa continuaron este mércores co calendario de mobilizacións semanais para esixir unha transición enerxética xusta que garanta os empregos e dote de futuro industrial á comarca. A protesta realízase logo de que o Goberno español, a través do alcalde das Pontes, comunicara a convocatoria da mesa de transición para o próximo 10 de marzo, data sinalada no calendario sindical por ser o Día da Clase Obreira Galega.
Para Alberte Amado, membro da Executiva da CIG-Industria e representante da central no comité de crise, este é un paso adiante, pero que chega tarde, atendendo ao feito de que Endesa ten parada a actividade na térmica das Pontes dende hai meses, que xa solicitou formalmente o peche e que outros territorios do Estado afectados pola descarbonización da economía, como Aragón, Asturias ou Castela e León, xa teñen asinado convenios de transición que, segundo se adiantou nas conferencias sectoriais de Medio Ambiente e Enerxía, estarán reflectidos na futura lei de cambio climático.
Entre tanto, Galiza nin está incluída no Plan de Acción Urxente nin participa da denominada Plataforma Europea para as Rexións Mineiras, o que significa "que As Pontes segue fóra das axudas e plans que se destinen ás zonas afectadas polo peche das térmicas", denuncia. A este respecto, reclama que nesa mesa do día 10 se empece a falar "no concreto e de solucións e alternativas que permitan termos actividade industrial e emprego. O que non imos consentir é que ese mesa sexa só para lavar a cara e facer campaña electoral", asevera Amado.
Sobre esta cuestión, apunta á responsabilidade do Goberno de Feixoo que, máis alá das declaracións airadas aos medios, non está exercendo a presión institucional necesaria para forzar a inclusión de Galiza na estratexia de transición xusta nin está propondo solucións de futuro. "Se algo avanzamos neste punto foi grazas á presión e á mobilización constante dos/as traballadores/as e do conxunto do pobo das Pontes. E por iso seguimos mobilizándonos, porque queremos unha transición xusta que teña en conta a todos dos colectivos afectados e que non sexa só para Endesa, que parece ser a única que vai saír ben parada de todo este proceso".