A CIG reclama políticas públicas e salarios dignos ante a carestía da vida e as consecuencias da guerra
Con motivo da aprobación no Consello de Ministras e Ministros do plan de medidas ante as consecuencias económicas da guerra na Ucraína, a CIG concentrouse este martes diante do edificio da Delegación do Goberno na Coruña e Nas Subdelegacións provinciais para reclamar medidas de intervención pública na economía e cambios profundos nas políticas económicas e fiscais para facer fronte ao desmesurado incremento da carestía da vida
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegurou que a resposta á pobreza non poden ser máis políticas neoliberais nin que se pretenda impor, baixo a coartada do conflito na Ucraína, a contención salarial, impedindo así a recuperación do poder adquisitivo dos soldos e consolidando a pobreza laboral. Neste senso, considerou ineficientes e totalmente insuficientes as medidas anunciadas no chamado Plan de Resposta Económica á Guerra, pois decretar unha rebaixa de 20 céntimos nos combustíbeis sen limitar os prezos para a gasolina e o gasóleo non impedirá que sigan subindo.
“Consideramos que, mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, débese fixar un prezo máximo de gasolina e o diésel, durante 6 meses, tomando como base o importe medio que existía en gasolineiras o 24 de febreiro de 2022”, explicou.
Intervención decidida no sistema eléctrico
De igual xeito, non semella moi efectivo ampliar neste momento a cobertura do bono social a máis persoas, cando hai unha fuxida masiva do mercado regulado porque o descontrol nos prezos provocou que a día de hoxe, para a maioría dos e das clientes, sexa xa máis caro que o mercado libre. Diante disto, Carril chamou o Goberno a unha intervención pública decidida no sector eléctrico “para fixar unha tarifa que poida garantir unha vida digna e o desenvolvemento dunha actividade económica, social e industrial que cree postos de traballo e que permita o desenvolvemento dun proxecto de vida”.
Lembrou que "existen mecanismos legais para facelo", polo que instou á creación dunha tarifa especial coa fixación dun prezo de referencia para que o custe final de consumidores domésticos e profesionais (particulares, profesionais, pequeno comercio, pequena empresa, sector agrario…), que teñen unha potencia contratada entre os 10 e os 15 kw/hora, oscile entre os 10 e os 60 euros por megavatio hora. Unha medida que tería unha duración de 24 meses, revisable trimestralmente, até a estabilización dos prezos dos últimos anos.
Canda isto, e tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país, reclamou unha Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución do 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio na Galiza; tamén modificar o sistema tarifario, limpando a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema (como o fomento das enerxías renovábeis, os custos extrapeninsulares e as anualidades para pagar o déficit de tarifa); así como retirar as centrais hidráulicas, as nucleares e os ciclos combinados (a gas) do pool para fixar o prezo, co obxectivo de conseguir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade.
Actuacións estas que a CIG recolleu nunha proposta de medidas urxentes ante o incremento da carestía da vida e as consecuencias económicas da guerra e que, valorou Carril, “terían maior impacto que fixar un prezo de referencia para o gas, sen mudar o sistema marxinalista de fixación de prezos e a estrutura da tarifa e tendo ademais que depender do visto bo da UE”.
O secretario xeral reivindicou tamén que se controle e limite o beneficio obtido polas eléctricas; a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade; a reversión das instalacións hidroeléctricas; ou a modificación transitoria dos impostos que actualmente están na tarifa eléctrica.
Garantir uns salarios dignos
A estas medidas súmanse outras destinadas a garantir salarios dignos, como fixar o SMI en 1.167 euros ao mes (o 60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea); que os incrementos salariais se sitúen nos 1.226 euros/ano lineais (87 euros/mes 14 pagas); incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado; e que se aproben as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade sexan unha realidade de obrigado cumprimento.
Sobre o incremento do Ingreso Mínimo Vital, Carril cuestionou o carácter limitado desta axuda e pediu que se estableza unha renda de inserción laboral e social na mesma contía do SMI, para as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica. Unha medida que a CIG leva anos reivindicando, ao igual que fixar por lei unha pensión mínima equivalente ao SMI (tendo en conta que este debe ser o 60% do salario medio).
Prohibición de simultanear ERTE con outros recortes
No ámbito laboral, ante a previsíbel proliferación de ERTE, e co obxectivo de salvagardar os empregos e as condicións laborais e retributivas, a CIG defende que se prohiba que as empresas poidan simultanear a aplicación dunha regulación temporal con outras medidas de recorte como un descolgue salarial, inaplicación de convenio colectivo, modificación substancial das condicións de traballo ou mobilidade xeográfica e/ou funcional ou a desregulación da xornada.
Ademais, para poder acollerse a un ERTE, reclama que as empresas teñan que estar ao día na actualización das revisións salariais, completar até o 100% os salarios, e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas.
A batería de medidas urxentes defendidas pola CIG complétase con outras destinadas a reforzar os servizos de mobilidade aumentando frecuencias e ampliando horarios para facilitar os desprazamentos, así como reducir as esixencias para o acceso a maiores descontos; e coa conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022.
Manifestación o día 5 en defensa da industria
Dentro do calendario de mobilizacións acordado para esixir medidas urxentes contra a carestía da vida, a CIG ten convocada unha manifestación para o martes 5 de abril en defensa da industria e do emprego na Galiza, con saída do Campus Sur, en Compostela, ás 11:00 horas. Así mesmo, ten previsto celebrar asembleas de delegadas e delegados e posteriores concentracións en todas as comarcas o día 20 de abril.
A CIG demanda responsabilidades polo accidente de Repsol
No marco da concentración, coñecíase o falecemento do traballador que o pasado sábado sufriu un grave accidente na refinería da Coruña. Con tal motivo, gardouse un minuto de silencio e trasladouse o apoio á súa familia e ao outro traballador que resultou ferido no sinistro. Mais tamén se reclamou unha investigación a fondo sobre o sucedido, que se esclarezan os feitos e se depuren todas as responsabilidades.
Neste senso, o secretario xeral avanzou que a CIG se personará na causa penal que se abra e que chegará até onde sexa necesario "para que se aclaren as razóns do accidente e que o proceso de investigación no seo da comisión da empresa non quede a medias, como ten ocorrido en ocasións anteriores".