A CIG reclama participar na reforma do Regulamento de Estranxeiría anunciado polo Estado español
A CIG exixe que a reforma do Regulamento de Estranxeiría se faga coa participación da central sindical, e que se basee nos principios de respecto aos dereitos humanos, de igualdade de trato e de integración social e laboral. A reforma tería lugar no primeiro semestre de 2024, logo de sumar varios anos sen transpoñer dúas directivas europeas, clave para garantir os dereitos e a protección das persoas migrantes que residen e traballan no seu territorio.
Trátase da Directiva de Permiso Único e da Directiva de Residencia de Longa Duración, aprobadas en 2011 e 2003 respectivamente, e que establecen un procedemento simplificado e un conxunto de dereitos comúns para os nacionais de terceiros países que se atopan na Unión Europea.
O Estado Español tiña de prazo até 2013 e 2006 para adaptar a súa lexislación ás normas europeas, pero aínda non o fixo, o que supón un incumprimento do Dereito da Unión e unha vulneración dos seus compromisos.
Esta demora non só afecta negativamente ás persoas migrantes, que se ven privadas de garantías e beneficios que lles corresponden, senón tamén ao conxunto da sociedade, que perde a oportunidade de aproveitar o potencial e a diversidade que aportan.
Ademais, o Estado Español exponse a posibles sancións por parte da Comisión Europea, que lle pode levar ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, onde se le poderían impor multas económicas ou outras medidas coercitivas.
A CIG entende que a reforma chega tarde e ten un alcance limitado, xa que:
- Non soluciona a situación das persoas solicitantes de asilo, que seguen sen poder acceder ao mercado laboral mentres se resolve o seu expediente, o que as expón a unha situación de irregularidade e exclusión. Ten un carácter utilitarista, que deixa á marxe a realidade da migración forzosa e que non acaba coa precariedade existente nos sectores onde se empregan as persoas migrantes, como a agricultura, a hostalería ou os coidados.
- Non ten en conta ás persoas en situación de especial vulnerabilidade, como as vítimas de trata, de violencia de xénero ou de discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.
- Plantea a contratación en orixe de persoas traballadoras para cubrir as necesidades do empresariado, pero non soluciona o problema do arraigo social, que obriga a pasar tres anos no Estado español antes de poder solicitar un permiso de residencia, o que xera un limbo xurídico e favorece os abusos laborais e a vulnerabilidade social.