A CIG reclama o plus de perigosidade para o persoal das empresas de conservación de estradas
A Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG reivindica que se aplique o plus de perigosidade regulado nos convenios de sector para as empresas que se ocupan da conservación e mantemento das estradas. Unha medida que se demostra especialmente oportuna tras o gravísimo accidente no que un camión chocou contra o vehículo dunha empresa de conservación no municipio de Riós (Ourense).
Este complemento de perigosidade, explican, equivale ao 20% do salario base e prevese expresamente para aquelas actividades nas que o risco ou perigo que corre o persoal é inevitábel, pois onde resulta evitábel debe prevalecer dispoñer das oportunas medidas de seguridade.
No caso do persoal das empresas cuxa actividade principal é a conservación e mantemento de autoestradas, autovías e estradas convencionais, este vese exposto durante a maior parte da súa xornada laboral a un risco enteiramente inevitábel: o de ser vítimas de golpes e atropelos. "Un perigo que non depende en absoluto das súas propias cautelas nin das medidas de seguridade que poida adoptar, senón da pericia e nivel de atención ao volante dunha terceira persoa absolutamente allea á empresa, a usuaria das vías", puntualizan.
A FCM-CIG sinala que para comprobar este risco "só hai que acudir á hemeroteca, que amosa como repetidamente se veñen producindo accidentes gravísimos nestes traballos a pé de vía". O último, o acontecido o pasado 24 de marzo no quilómetro 140 da autovía A-52 (Benavente-Porriño) ao paso polo termo municipal de Riós en Ourense. "Este sinistro rexistrou un ferido leve, pero á vista das imaxes até sorprende que non houbese consecuencias dramáticas".
A CIG xa iniciou a loita por este complemento salarial na maioría de empresas desta actividade nas que conta con representación ou cun nivel significativo de afiliación, adoptando os pasos necesarios para a reclamación, primeiro diante das empresas e, de ser necesario, farao tamén ante a xustiza.
Desconcertante papel de CCOO e UGT na Comisión Paritaria
De igual xeito, a FCM-CIG consultou a Comisión Paritaria do convenio da Coruña sobre o dereito á percepción deste plus para o persoal de catro empresas da conservación da área coruñesa. Porén, critican que "á agardada oposición da patronal sumouse unha desconcertante postura de UGT e CCOO que, lonxe de apoiar o persoal afectado por esta seria problemática, uniuse á patronal na tese de que a Comisión Paritaria non pode resolver estas consultas por descoñecer a realidade das empresas afectadas".