A CIG reclama o pago das produtividades pendentes ao persoal municipal vigués
A sección sindical da CIG no Concello de Vigo reclámalle ao Goberno local que proceda a abonar os complementos de produtividade pendentes de cobro por parte do persoal municipal, en concreto os derivados do desempeño dun posto de superior categoría ou de funcións e tarefas de posto vacante ou por ausencia do titular. Dende a central sindical denuncian que nalgúns casos os complementos pendentes abarcan até tres anos (2021, 2022 e 2023).
Na CIG lembran que dende hai moitos anos existe un acordo entre o Concello e o persoal municipal no que se regulan os criterios de asignación dos complementos de produtividade. “Mais en marzo do ano pasado aprobáronse novos criterios de asignación dos complementos de produtividade, que basicamente son similares aos anteriores”. E tanto nos antigos criterios como nos actuais figura, entre outros, o cobro de produtividade por desempeño dun posto de superior categoría e por desempeño de funcións e tarefas de posto vacante ou por ausencia do titular.
“Até hai un par de anos a compensación por medio dos complementos de produtividade por realizar funcións ou tarefas distintas ás propias retribuíanse puntualmente; mais dende entón, por discrepancias entre os servizos de Recursos Humanos e Intervención, os empregados/as que cumpriron os requisitos esixidos non perciben os complementos, nalgúns casos correspondentes aos anos 2021, 2022 e 2023”.
Garanten o funcionamento dos servizos
Dende a CIG do Concello de Vigo fan fincapé en que estas situacións de desempeño de posto superior ou de funcións dun posto vacante non son por “capricho” do traballador/a, senón que veñen determinadas polas necesidades dos servizos e por “orde” dos seus responsábeis para dar un servizo correcto ás persoas usuarias, “xa que de non realizárense, estes servizos colapsarían”. Neste senso, sinalan que a elevada porcentaxe de vacantes no cadro de persoal motiva que os traballadores/as en activo teñan que cubrir as necesidades dos servizos para garantir o seu funcionamento.
“Os traballadores/as que desempeñaron estas funcións, como veñen facendo dende hai anos, cumpriron co traballo encomendado e coas normas-criterios acordados en Xunta de Goberno Local, polo que lles corresponde un complemento de produtividade en base a estes criterios”, rematan.