A CIG reclama garantías certas de continuidade no emprego e condicións dignas para o persoal das auxiliares de Endesa
A reunión da Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes rematou con máis incertezas que seguridades, ao non garantirse a continuidade no emprego de todo o persoal das auxiliares nin as condicións de traballo que se lle van ofrecer nas tarefas de desmantelamento da central térmica. Diante disto, a CIG chama a participar na mobilización convocada para este xoves, 13 de xuño, ás 20 horas na Praza do Carme, en demanda dunha transición xusta, emprego e futuro industrial para As Pontes.
No encontro, que as centrais sindicais levaban meses demandando ante os reiterados incumprimentos dos acordos, Endesa sinalou que, cando menos, até dentro de dez días non decidirá a que a empresa lle vai adxudicar as tarefas de desmantelamento. Se a isto lle engadimos que a licenza de obra non está concedida, e o tempo do proceso de selección, contratación do persoal e creación do novo centro de traballo, "a realidade é que pasarán meses até que os traballadores e traballadoras da auxiliares se incorporen ás obras de desmantelamento".
Este persoal, lembra o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, irá ao paro o próximo venres "incumpríndose así novamente o compromiso de continuidade do emprego e a promesa dunha transición xusta; de que este proceso non se faría a conta das prestacións do paro do persoal".
Incumprimentos reiterados
Bouzas Aboi critica o atraso na convocatoria da Mesa, malia as solicitudes dos sindicatos pola falta de información durante o período do pre desmantelamento e a precarización laboral sufrida. "Ocultáronse as condicións nas que se contratou ao persoal; non se informou de cales eran as compañías subcontratadas; co consentimento de Endesa, estas subcontratas non aplicaron o convenio do metal, como era preceptivo; e nin sequera se lle mantiveron as condicións previas ao persoal que viña das auxiliares" .
Neste senso, denuncia que "o compromiso era que o persoal das auxiliares encadearía o traballo na central coas tarefas de pre desmantelamento, pero non se cumpriu. Houbo unha serie de persoal que xa quedou atrás pola aplicación de regulacións de emprego, outro que tivo que buscar a vida polas precarias condicións que se lle ofrecían, e outro que agora botará meses no paro. A garantía de mantelos de alta e sen consumir as prestacións, non se cumpre en absoluto. Coa incerteza engadida agora de non saber cando volverán ser contratados e en que condicións".
Precarización das condicións
O secretario nacional da CIG-Industria subliña que non darlle continuidade ao emprego supón para os traballadores e traballadora das auxiliares perder dereitos adquiridos e unha precarización das súas condicións. Esta problemática, engade, podería estar resolta se Endesa e as administracións tiveran planificado o proceso en tempo e forma "e non se lle consentira á enerxética avanzar no seu plan marcando ritmos e prazos segundo o seu interese".
A este respecto, lembra que cando se pechou a central no mes de novembro "había máis de 70 persoas nas auxiliares, pero a día de hoxe quedan sobre 15 persoas, e sen ningún tipo de garantía".
Por iso, durante a reunión tamén se demandaron avances na concreción dos proxectos anunciados, para que unha vez rematado o proceso de desmantelamento, os traballadores/as poidan ser recolocados nas novas industrias que se instalen nas Pontes e garantir un futuro con emprego e industria para a localidade.