A CIG reclama de Saiz unha solución á ofensiva falta de garantías na protección de datos nas baixas das mulleres

O sindicato denunciou en decembro de 2023 que o organismo remitía a causa das baixas, en caso de aborto ou menstruacións dolorosas, ás empresas
- 25 Out 2024

En decembro de 2023 a CIG denunciaba diante da Axencia de Protección de Datos á Seguridade Social por proporcionar ás empresas as causas das baixas por IT, cando son por menstruación incapacitantes, interrupción -voluntaria ou non- do embarazo e embarazos a termo. Transcorrido case un ano o sindicato nin recibiu resposta do Ministerio, nin ditame algún da Axencia.

Diante do anuncio da Ministra da Seguridade Social, Elma Saiz, de “avaliar” os datos que o organismo proporciona ás empresas das traballadoras nas baixas por IT definidas como “especiais”, isto é, baixas por menstruacións incapacitantes, aborto voluntario, ou non, e embarazos a termo, a CIG exixe unha solución inmediata.

Susana Méndez, secretaria de Organización, lembra á Ministra que vai case un ano desde que a CIG formulou denuncia perante o Consello Xeral do INSS pola vulneración sistemática da intimidade das mulleres nesas situación e que, a día de hoxe aínda non houbo resposta.

Nese sentido afirma que “desde aquela, non só non responderon á CIG, senón que non adoptaron absolutamente ningunha medida para evitar que miles de mulleres, que poderían superar as 28.000 no Estado, viran, e sigan vendo, expostos os seus datos de saúde, máis cando son tan sensibles como estes”.

Para Méndez “isto é unha mostra máis do desprezo que este goberno fai a esta organización sindical, que é a maioritaria na Galiza”. Por iso exixe á Saiz que “no canto de centrarse tanto en buscar modalidades de baixas flexibles para seguir afondando na precariedade laboral”, se centre na cuestión denunciada. “Son situacións que afectan gravemente á protección de datos e á intimidade, neste caso, ademais, das mulleres e só das mulleres”.