A CIG reclama das empresas de ambulancias que apliquen criterios unificados de actuación e de dotación de medidas preventivas
A CIG vaise dirixir a todas as empresas do transporte sanitario urxente e non urxente de Galiza para esixir que apliquen criterios unificados de actuación e na dotación de equipos de prevención para garantir tanto a seguridade dos traballadores e traballadoras como das persoas usuarias. A central advirte que o funcionamento do sector nesta crise sanitaria do coronavirus está a ser totalmente anárquico, xa que o que vale para unhas empresas noutras non serve.
Neste senso, o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, explica que hai empresas de transporte programado (como o traslado a diálise) que están a incumprir o decreto de alarma xa que levan todas as prazas dos vehículos ocupadas con usuarias/os cando non está permitido máis que unha persoa por fileira de asentos. "Hai empresas que obrigan a encher os vehículos como se estiveramos nunha situación normal, sen ten en conta as medidas mínimas de seguridade, os riscos de contaxio e expondo ademais o/a condutor/a a que sexa sancionado por incumprir o decreto de alarma".
Xunto a isto, sinala que mentres nunhas empresas se entregan uns Equipos de Protección Individual, noutras estanse dando outros diferentes, sen seguir un criterio unificado e uniforme para o conxunto do sector. De igual maneira, mentres unha compañías, atendendo os protocolos, non permiten ao seu persoal saír a facer a servizos se non dan as garantías de seguridade, noutras funciona o "todo vale" e mandan os traballadores e traballadoras saír baixo calquera circunstancia.
Protocolo unificado do 061
Diante desta situación anárquica, a CIG demandou da Fundación Urxencias Sanitarias 061 que elaborara un protocolo único para todo o transporte sanitario que aínda foi remitido no día de onte. Agora, a CIG tamén se volverá dirixir ás empresas demandando que apliquen este protocolo e que manteñan unha comunicación constante cos delegados e delegadas de prevención para informar de maneira puntual sobre contaxios, dotación e número de EPIs, organización do traballo, desinfección de ambulancias e uniformidade, necesidades do servizo, formación, etc.
"Pois non hai que esquecer que os traballadores e traballadoras de ambulancias están primeira liña de batalla e son parte fundamental do sistema sanitario", asevera Pastoriza.