A CIG reclama que se manteña a capacidade de evacuación e iniciar xa os concursos de transición xusta de Meirama e As Pontes
Manter a capacidades de 580MW para o nó de Meirama e de 1.469MW para o das Pontes, e iniciar de inmediato os concursos de transición xusta sen adialos para despois do ano 2026. Esta é a resposta da CIG-Industria ás últimas propostas do MITECO sobre a modificación da planificación de infraestruturas de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026 de REE (en tramitación dende decembro de 2023 e que contempla unha nova subestación nas Pontes para 2026), e sobre o concurso do nó de Meirama (en trámite de participación pública dende o pasado 2 de febreiro até o próximo día 22).
Ambos asuntos están incluídos na orde do día do Comité Executivo de Enerxía convocado pola Consellaría de Economía, Industria e Innovación para este venres, día 9 de febreiro.
O responsábel de Enerxía da CIG e representante da central nacionalista neste Comité, Fernando Branco, explica que, no caso de Meirama, e logo dun primeiro intento en xuño de 2023 para sacar a concurso uns 250MW, a nova proposta do MITECO está iniciada na etapa previa á elaboración das bases do que sería o concurso. Mais nesta "só aparecen aspectos a considerar para a valoración dos posíbeis proxectos industriais que se poderían propoñer para a adxudicación da potencia concursábel, da que non se enuncia nin se especifica a súa cantidade, aspecto fulcral para a CIG", subliña.
Dita carencia, xunto coa variabilidade temporal das capacidades publicadas por REE dende xullo de 2022 até agora, que son do 116% para centrais tipo bombeo ou biomasa e do 639% para parques eólicos e/ou fotovoltaicos, motivan a demanda inicial e prioritaria da CIG "de demandar información a REE sobre das empresas que son concesionarias de capacidade en cada un dos nós de transición xusta galegos, sinalando data, cantidade, e nome dos parques ou centrais de xeración de electricidade".
Na mesma liña, engade Branco, a CIG tamén demanda da Xunta de Galiza que aclare que parques dos que teñen dereito de acceso e conexión concedido nos mencionados nós están fóra da ADE, a causa do informe favorábel da Xunta, e, de ser ocaso, as características (industria asinante, prezo, electricidade, tempo) das PPAs que o motivaron, xunto coas medidas contempladas polo Goberno galego no caso de que o proxecto industrial non se desenvolva.
Na reunión do Comité Executivo de Enerxía de mañá, a CIG tamén exixirá que se convoquen os concursos para novas concesións de auga para posíbeis proxectos industrias, previa tramitación do expediente de extinción das concesións das centrais térmicas xa pechadas, como xa ten iniciado Augas de Galiza no caso de Meirama a petición da propia empresa.
Ditos concursos están contemplados na lexislación de augas para seren desenvoltos como o dos nós de acceso de transición xusta, para unha subministración básica e esencial de posíbeis proxectos, que no caso das Pontes vense obrigados a solicitar caudais do lago.
A CIG pedirá un pronunciamento do Comité
A CIG-Industria solicitará tamén nesta reunión un pronunciamento do Comité Executivo de Enerxía con estas demandas para que se convoquen de inmediato os concursos dos nós de evacuación de Meirama -580MW- e os 1.469MW das Pontes.
A central reclama inmediatez e urxencia porque canto máis se tarde en facelo máis se estará impedindo unha transición xusta e unha reindustrialización que xere emprego nas comarcas afectadas, hoxe camiño da desertización social, económica e laboral.