A CIG reclama cambios substanciais na prórroga do decreto de resposta económica á guerra

Urxen medidas de intervención en sectores estratéxicos da economía
Nacional - 22 Xun 2022

A Confederación Intersindical Galega reclama cambios substanciais na prórroga do decreto de medidas contra o impacto económico da guerra que o Goberno ten previsto reeditar este sábado. Considera que, tal e como viña advertindo, quedou demostrada a insuficiencia das contempladas no primeiro plan de choque para combater o empobrecemento da clase traballadora e reitera a necesidade de pór en marcha outras que si permitirían dar resposta á carestía da vida e a crise económica que leva aparellada.

Nese sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advirte que “canto máis tarde o goberno en adoptar estas medidas para frear o empobrecemento da clase traballadora, máis inxustiza social se estará causando”. Subliña que a resposta á guerra, “non poden ser máis políticas neoliberais como as que contiña o anterior Plan de Resposta Económica”.

Así mesmo demanda do goberno que cese nos chamamentos ao Pacto de Rendas e priorice políticas públicas para que os incrementos salariais e das pensións garantan o poder adquisitivo dos salarios ante o imparable incremento do IPC.

 Por iso reitera a proposta da central sindical dun paquete de medidas urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares. “Propostas para avanzar nunha saída galega xusta da crise” que “requiren dunha decidida intervención pública e inciden en varios ámbitos para poder garantir unhas condicións de vida digna”.

Políticas públicas e salarios dignos para frear a carestía da vida

Entre as medidas coas que a CIG considera que si se pode facer fronte aos efectos devastadores dos altos prezos e frear o imparable medre da pobreza entre a clase traballadora están:

Electricidade

1.- Creación dunha Tarifa eléctrica especial que, durante 24 meses, fixe o prezo de referencia entre os 10 €/MWh e os 60 €/MWh para quen teña potencia contratada igual ou inferior a 15 kW.

2.- Implantar a Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución do 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio en Galiza, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país.

3.- Limpar a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema (fomento das enerxías renovábeis, custos extrapeninsulares e déficit de tarifa, etc.) e que sexan asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado.

4.- Retirar do mercado maiorista (pool) para fixar o prezo da electricidade as centrais hidráulicas, as nucleares e gas para conseguir unha baixada xeneralizada no prezo da electricidade.
5.- Controlar e fixar límite ao beneficio obtido polas empresas eléctricas.

6.- Crear unha Empresa Pública Galega de Electricidade.

7.- Fiscalizar as concesións hidroeléctricas. Reverter as instalacións hidroeléctricas ao sector público, destinando os beneficios da produción a abaratar o custo da electricidade.
8.- Aplicar na tarifa o tipo mínimo do IVE (4%) e eliminar do imposto á xeración (7%) que as empresas produtoras repercuten nos recibos.

9.- Esixir compromisos industriais, de emprego e de participación pública para as empresas que opten á concesión de instalacións de produción de enerxía renovábeis.

10.- Crear e pór en funcionamento en Galiza (As Pontes) o Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía.

Salarios
1.- Os incrementos salariais deberanse situar nos 1.226 euros/ano lineais (87 euros/mes 14 pagas) e incremento salarial do 4,50%.

2.- Incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado.

3.- Aprobar as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade conteñan medidas reais e eficaces para rematar coa fenda salarial e outras desigualdades.
4.- Fixar o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes, que é o 60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea.

 Emprego

1.- Prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte: descolgues, modificación das condicións de traballo, mobilidade xeográfica, desregulación da xornada, etc.

2.- As empresas para podérense acoller ao ERTE estarán ao día na actualización das revisións salariais, completar até o 100% os salarios, e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas.

Combustíbeis
Fixación polo Goberno dun prezo máximo de gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.

Mobilidade

Reforzar os servizos de mobilidade aumentando frecuencias e ampliando horarios para facilitar os desprazamentos, así como reducir as esixencias para o acceso a maiores descontos.

Alugueiro
Conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022.