A CIG reclámalle aos gobernos firmeza na oposición a Alcoa e chama a manter a unidade e a mobilización para evitar a parada das cubas
A CIG reclama do goberno español e da Xunta de Galiza que manteñan unha postura de firmeza para evitar o plan de peche de Alcoa e valentía para pór en marcha medidas viábeis que garantan a non parada das cubas, aínda que a multinacional execute un ERE extintivo ou temporal. Neste crítico momento máis que nunca é preciso que as administracións acompañen e apoien a dura loita que os traballadores e as traballadoras desenvolverán nos próximos meses para evitar que se consumen os despedimentos e o cese da produción de aluminio primario.
Así o trasladou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na reunión telemática da mesa de seguimento que tivo lugar pouco antes de retomarse o período de consultas do ERE de Alcoa. Nesta xuntanza, Carril denunciou o "terrorismo patronal" exercido por Alcoa que se nega a aceptar ningunha saída alternativa, tal e como se evidenciou esta fin de semana ao dar por rotas as negociacións con GFG Alliance mesmo antes de rematar o prazo previsto e ao negarse a asumir a proposta de compra temporal pola SEPI. "Resulta obvio que Alcoa nunca tivo vontade de chegar a un acordo de venda e utilizou este tempo de prórroga para prefabricar unha autoxustificación do fracaso da operación", denunciou.
Neste senso, Carril pediu a todas as partes manter a unidade de acción para enfrontar os plans de Alcoa, dándolle dende as institucións e dende a mobilización unha categórica resposta "até que a empresa cese na súa intención de deixarnos sen postos de traballo, sen futuro industrial para a comarca e sen un sector estratéxico para Galiza como é o aluminio".
O secretario xeral da CIG pon en valor a enorme mobilización social do conxunto da cidadanía da Mariña nestes últimos meses que "é a resposta clara e contundente que vai atopar hoxe Alcoa na reunión". E nesta liña, insta o goberno español e a Xunta a actuar con firmeza e estar a altura da mobilización que nos próximos meses continuará no centro de traballo e nas rúas, tomando todas as decisións políticas que sexan necesarias. A este respecto, Carril demandou que se poñan en marcha de inmediato os mecanismos para unha intervención pública como solución viábel e legal para a planta de San Cibrao.
Necesidade de mudar as políticas públicas
Para Paulo Carril este conflito pon en evidencia tamén a necesidade urxente de mudar as políticas públicas, a comezar pola derrogación da reforma laboral "para que as empresas non teñan en exclusiva a decisión sobre os despedimentos e para recuperar a autorización administrativa previa dos ERE".
Mais tamén advirte da necesidade de adoptar políticas para que sectores industriais estratéxicos sexan xestionados dende o sector público e deste xeito "non estean sometidos á extorsión de empresas multinacionais como Alcoa que, ante unha decisión unilateral de peche tomada en Pittsburgh, provoca a destrución de miles de empregos e a desaparición dun sector estratéxico como a produción de aluminio".
Fin de semana de intensas mobilizacións
Coa perspectiva da convocatoria da reunión do ERE para este luns en Nigrán, traballadores/as e cidadanía da Mariña desenvolveron na fin de semana un intenso calendario de mobilizacións que comezou na mañá do sábado cun peche de 24 horas de membros do comité e delegados/as das auxiliares nos concellos de Xove e Viveiro, até onde se desprazaron ao longo de toda a xornada grupos de persoas para trasladarlle o seu apoio e esixir unha solución de futuro para a fábrica.
O encerro remataba contra as dez da mañá do domingo, xa que pouco despois estaba convocada unha multitudinaria manifestación que partiu da estación de tren de Xove, de onde a diario saen trens cargados cos bloques de aluminio que se fabrican en San Cibrao, e rematou na Praza do Concello. A marcha estivo encabezada por un camión cargado de coroas de flores a modo de comitiva fúnebre por cada un dos concellos da comarca.