A CIG reclama accións contundentes para garantir a igualdade salarial

Delegadas/os da central sindical mobilizáronse diante das Inspeccións de Traballo
Nacional - 23 Out 2023

Dentro da campaña “Imos rematar coa fenda salarial”, a secretaría das Mulleres da CIG concentrouse o 26 de setembro diante das catro delegacións provinciais da Inspección de Traballo para denunciar as empresas que non entregaron o rexistro retributivo de 2022 (cando o prazo para a súa entrega expirou no mes de marzo) e exixir do organismo público que obrigue a cumprir coa lexislación en materia de igualdade.

“A fenda salarial é a mostra da menor valía que nos concede esta sociedade por sermos mulleres, dificultando a nosa independencia económica e o acceso en igualdade de condicións a bens e servizos”, aseverou a secretaria confederal de Mulleres da CIG, Nicolasa Castro. 

Presentáronse case un cento de denuncias contra outras tantas empresas

Explicou que se presentaron na Inspección case 100 denuncias contra empresas como Pescanova, Finsa, Banco Santander, BBVA, Sociedade Téxtil Lonia, Froiz, Jardanay, Samaín, Sodexo, GTT ou Inelcom, mais tamén administracións locais ou empresas públicas como a CRTVG. Castro acusou a estas empresas de “non ter interese en identificar se o seu sistema salarial é transparente e igualitario, en analizar se retribúen ás persoas en función da súa valía e non polo seu xénero”, imposibilitando así avanzar neste eido pola falta de transparencia.

Pero coas mobilizacións tamén se quere criticar a falta de implicación da Inspección de Traballo á hora de velar polo cumprimento desta normativa e reclamarlle unha verdadeira acción que remate coas discriminacións e atropelos. No mes de xuño, a CIG interpuxo en Vigo case medio cento de denuncias por esta mesma cuestión e, non obstante, “só recibimos unha resposta”. “Se as empresas son culpábeis, as administracións son as responsábeis de imposibilitar que poidamos rematar coa fenda salarial”, lamentou Castro.

Persistencia da fenda

A secretaria das Mulleres da CIG advertiu que no ano 2021 (segundo os datos da Axencia Tributaria), en Galiza a diferenza entre os salarios dos homes e os das mulleres era por volta do 19%, de forma que as traballadoras galegas perciben de media polo seu traballo 4.238 euros anuais menos que os seus compañeiros. Nos sectores feminizados, esta diferenza ascende até o 30%, con ingresos medios que apenas superan a metade do SMI. “Se comparamos salarios de sectores feminizados cos de sectores masculinizados, a diferenza acada o 45%”, engadiu.

Esta menor remuneración sitúa as mulleres nunha posición subalterna no mercado de traballo “de xeito que ao accedermos ao emprego, aínda tendo unha maior preparación, réstase valor ao noso traballo. Como resultado, as condicións das traballadoras son máis precarias, sofren maiores taxas de temporalidade e de contratación parcial e “ocupamos os empregos peor remunerados”.

No mercado laboral aínda prevalece a minusvaloración do traballo das mulleres a través  da segregación ocupacional e dos complementos asignados a categorías ou condicións asociadas aos traballos masculizados. De feito, os soldos dos convenios de sectores e empresas feminizadas son, como media, arredor do 30% inferiores aos salarios dos convenios de sectores masculinizados (máis de 500 euros/mes) e esta diferenza aínda se incrementa cos complementos.

A fenda agrándase a medida que se avanza en idade e cando chega o momento da xubilación xa supera o 34%, “ou dito doutro xeito, as mulleres cobramos de pensión 400 euros menos ao mes”.

Diante desta realidade, a CIG puxo en marcha o pasado mes de maio a campaña “Imos rematar coa fenda salarial” non só para visibilizar as causas que motivan  esta discriminación económica senón tamén para dar pasos cara a súa erradicación.