A CIG reclama a xestión pública da residencia de maiores do Cornubal e a nova adxudicación do SAF do Carballiño
A CIG-Servizos de Ourense reclámalle á Xunta de Galiza que asuma definitivamente a xestión da residencia de maiores do Cornubal, no Carballiño, e ao Concello que publique o prego de condicións do concurso para adxudicar de novo o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Delegadas da central e traballadoras de Gesmedical, empresa que xestiona a residencia e o SAF, volveron mobilizarse o pasado venres diante do Concello e da propio centro de atención a persoas dependentes.
Na CIG-Servizos explican que solicitaron unha xuntanza urxente co responsábel territorial da Consellaría de Política Social en Ourense para trasladarlle a necesidade de que o departamento autonómico se faga cargo da xestión do centro unha vez que vén de ser intervido pola Administración autonómica ante os problemas denunciados pola central sindical.
“Dende a intervención enviaron persoal e a atención mellorou, porque non substituían as baixas, pero o certo é que seguen se pagar os salarios de novembro e decembro nin a paga extra de Nadal”, denuncia a presidenta do comité de Gesmedical, Reyes La Banca. De feito, o persoal aínda non sabe cando vai cobrar a pesar de que a empresa comunicou por correo electrónico que a partir deste luns día 6 abandonaba definitivamente a xestión da residencia e que a Xunta se ía facer cargo dos soldos.
“Mais non temos confirmación oficial, e a día de hoxe o persoal segue de alta na empresa”, sinala a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Ourense, Natividad Álvarez. Por iso agarda manter canto antes unha reunión co representante autonómico para reclamarlle que a Consellaría asuma dunha vez a xestión, subrogue o persoal e abone os salarios.
No caso do SAF do Concello do Carballiño, Álvarez indica que o persoal continúa tamén sen cobrar a nómina de decembro e a paga extra de Nadal a pesar de que o Goberno local xa lle abonou á empresa a cantidade necesaria para asumir os salarios de decembro. Ademais os problemas de xestión son continuos, até o punto de que se tiveron que suspender determinados servizos que se lle prestaban a persoas dependentes. “En consecuencia, imos esixir que se publiquen canto antes os pregos de condicións do concurso para adxudicar de novo o servizo”, rematan.
Finalmente, anuncian novas mobilizacións diante do Concello e da propia residencia como as que tiveron lugar tanto o pasado venres como con anterioridade para denunciar a situación de impagos e atrasos no cobro de salarios.