A CIG reclámalle á ministra de Traballo unha nova lexislación laboral e social e a derrogación das reformas laborais e das pensións
Unha delegación da CIG encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, trasladoulle esta mañá en Madrid, á ministra de Traballo, Magdalena Valerio, a preocupación da central sindical polo enorme retroceso nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora galega en materias como contratación, despedimento, xornada, salario ou mesmo cumprimento, ou negociación, dos convenios colectivos. A CIG, que vén desenvolvendo nos últimos anos unha campaña continuada pola recuperación de dereitos, reclamou, para iso, unha nova lexislación laboral e social, en materia de negociación colectiva, de seguridade social e de formación continua, ademais de demandar a derrogación tanto das “contrarreformas laborais” como das pensións, entre outras cuestións.
Na xuntanza -concedida logo de reiteradas peticións que non foron contestadas, da denuncia pública da actitude do Ministerio cando Valerio visitou Galiza e se limitou a convocar á patronal, CCOO e UGT e tras facer pública unha carta na que se lle reprochaba esta actitude- o secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que “o goberno non pode seguir negando a existencia dunha realidade sindical plural, imparábel e incontestábel” en Galiza, onde a CIG é a primeira forza sindical en representación, en afiliación, en capacidade mobilizadora e en incidencia.
Así mesmo cuestionou que se confunda, perverta e simplifique ao nocivo diálogo e concertación social, as necesarias e razoábeis relacións entre os gobernos e as organizacións sindicais.
Demandas da central sindical
A partir de aí a delegación da CIG puxo sobre a mesa as demandas da central sindical para combater a gravísima precariedade derivada das miserábeis condicións laborais que provocan que hoxe ter un traballo non sexa garantía de subsistencia e que levan, en Galiza, a miles de persoas a recorrer á economía somerxida ou a emigrar para poder sobrevivir.
Unha situación da que Carril responsabilizou aos gobernos que impuxeron as sucesivas contrarreformas laborais que afondaron na individualización e desregulación das relacións laborais facilitando e abaratando o despedimento, tanto colectivo como individual; fomentando a pobreza e os baixos salarios; impoñendo novas formas de contratación e subcontratación –como o contrato a tempo parcial, as/os falsas/os autónoma/os, as empresas multiservizos ou as axencias privadas de contratación, entre outros- e xeneralizando así a precariedade.
Unha precariedade que afecta ao conxunto da clase traballadora mais, como trasladaron, sofren especialmente as mulleres, cuns salarios un 23% inferiores ao dos homes. Unha fenda salarial que a CIG demandou combater e pór fin.
Por iso a representación da CIG -na que xunto a Carril estaban a secretaria de Organización, Susana Méndez, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío- fixo entrega das propostas da central sindical nesta materia, nas que se que contempla un cambio de normativa para recuperar os dereitos roubados, emprego estábel, salarios dignos e un sistema público de pensións forte.
Unha normativa que debe conter, ademais da derrogación desas contrarreformas, medidas como a eliminación das cadeas de subcontratas, a reversión dos servizos privatizados ao público, a eliminación da figura do falso autónomo, así como das ETT e das axencias privadas de colocación ou a xornada laboral de 35 horas, entre outras.
Da urxencia desa derrogación das reformas puxeron como exemplo o caso de Alcoa, porque o seu mantemento deixa ao goberno sen mecanismos para frear EREs como o proposto pola empresa, e ás traballadoras e traballadores indefensos e ao pairo do que a empresa decida. Mais tamén urxiu a que se aprobe dunha vez, por Lei, o control obrigatorio da xornada laboral para rematar coa explotación laboral e coa fraude á Seguridade Social e a Facenda, na liña da Iniciativa promovida pola CIG no Congreso das Deputadas e Deputados e que foi aprobada en outubro de 2017.
Derrogación da reforma do sistema de pensións
A representación da CIG puxo tamén sobre a mesa que as reformas do sistema público de pensións -que atrasaron a idade de xubilación aos 67 anos; desvincularon o incremento das pensións do IPC; ampliaron a 25 o número de anos para calcular a base reguladora; instauraron a aplicación do factor de sostibilidade; atrasaron a idade de acceso á xubilación anticipada e eliminaron, na práctica, a xubilación a tempo parcial- provocaron un enorme deterioro das contías das pensións, que será maior para as pensións futuras, e dificultaron o acceso ás mesmas.
Xunto a isto trasladaron o malestar da CIG pola reforma da xubilación parcial con contrato de relevo que veñen de aprobar o Goberno español e os sindicatos estatais CCOO e UGT, que consideraron un novo retroceso nos dereitos da clase traballadora porque afonda na discriminación e na desigualdade entre as persoas traballadoras.
Por iso demandaron un compromiso do Ministerio na defensa do sistema público de pensións, a derrogación das reformas das pensións e o restablecemento da xubilación parcial aos 61 anos, para o conxunto da clase traballadora coas condicións previas á crise.
Mais tamén solicitaron da Ministra, e por extensión ao goberno, que se impliquen e leven adiante actuacións urxentes e inmediatas na defensa do futuro das fábricas de ALCOA, na resolución do conflito dos mariñeiros de Long Hope e dos emigrantes retornados e urxiron a que o Consello de Ministros aprobe dunha vez o indulto de Carlos e Serafín, que demandaron á maior brevidade posíbel.
Negociación colectiva
O secretario xeral da CIG puxo tamén sobre a mesa a preocupación da central sindical polo desmantelamento da negociación colectiva e os intentos obsesivos de centralización, de estatalización das relacións laborais, xerándose situacións de inxustiza e producíndose funcionamentos antidemocráticos, que afastan da clase traballadora e dos centros de traballo o poder de decisión e de control sobre as condicións de traballo.
Fronte a iso defendeu propostas para que se respecte o dereito á negociación colectiva no ámbito galego, a través de marcos normativos e de relacións laborais, nos que a clase traballadora galega teña participación, control e capacidade de incidir e decidir sobre as súas condicións laborais e sociais.