A CIG reclama a retirada da orde interna que modifica os coeficientes redutores da idade de xubilación de miles de mariñeiros
O responsábel do sector do Mar da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, compareceu esta mañá diante dos medios de comunicación para ofrecer máis datos sobre a modificación dos coeficientes redutores da idade de xubilación que afectará a milleiros de mariñeiros galegos -que verán atrasada a súa xubilación- e que denunciara publicamente a semana pasada.
O responsábel sindical sostén que a situación é aínda máis grave do que semellaba, “xa que a día de hoxe non hai nin un só barco galego que teña o máximo coeficiente, o 0,40 (o que significa que por cada 10 anos cotizados pódese adiantar a xubilación catro anos).
Diante disto, anunciou que a aesoría da CIG está a preparar unha reclamación colectiva (xa hai algunha individual) en defensa dos milleiros de afectados galegos e que a central convocará varias asembleas para abordar a situación. A primeira delas será o vindeiro martes ás 11.00 horas na Biblioteca de Marín, mentres que pola tarde terá lugar na Guarda. Para o día seguinte, o mércores 19, as asembleas serán en Burela e Celeiro, na Mariña luguesa.
Ademais, adiantou que a central tamén promoverá a presentación de mocións nos Concellos e unha inicitiva no Parlamento galego con catro esixencias básicas. A primeira delas, a retirada da norma interna na que se basea Mariña Mercante e o ISM para aplicar o que cualifica como “o maior recorte social na historia da pesca galega”.
Tamén se demanda a revisión por parte do ISM de todas as pensións dende que se aplica este norma, ademais da creación dunha comisión cos afectados, sindicatos, patronais e Administración para revisar os coeficientes redutores. Finalmente, reclámase a asunción de responsabilidades por parte dos causantes “desta barbaridade”, xa que, segundo denuncia Aboi, trátase dunha decisión políticaaplicada polos altos cargos de Mariña Mercante co aval do Ministerio de Fomento.
Durante a comparecencia, o responsábel sindical amosou un documento do Rexistro Marítimo Español no que se evidencia que un barco ao que se lle reduciu o coeficiente por supostamente tratarse dun palangreiro en superficie figuraba como pesqueiro conxelador, “algo que só pode cambialo Mariña Mercante”.
Ao mesmo tempo, citou unha serie de embarcacións afectadas, como o Río Landro, que traballa no Pacífico. Ademais, asegurou que o cambio tamén afecta a toda a flota da Guarda.
Tamén os de máis de 1000 toneladas
Outros exemplos esgrimidos foron os barcos conxeladores da empresa Pescaboa, como o Xeitosiño, que estivo a traballar en Angola e despois na Arxentina e de súpeto aparece co coeficiente do 0,35. “O Praia de Barra está en Angola, pero resulta que xa aparece co 0,35”, censura. Neste senso, revela que toda a flota conxeladora xa está fóra do 0,40, segundo o propio ISM. “Isto inclúe os de máis de 1000 toneladas, ao contrario do que pensabamos o outro día”. E isto é porque dende abril de 2016 todos os barcos están como fresqueiros, incluídos os de máis de 1000 toneladas.
No que respecta a barcos con base en Marín, explicou que os pertencentes a Pesmar (catro barcos en Malvinas) e Manuel Nores (barcos en NAFO, Malvinas, Guinea Bissau e Senegal) “tamén están ao fresco segundo o ISM”.
En canto aos tripulantes, aludiu ao caso de Manuel Mundín Guimeráns, mariñeiro dun barco afundido na costa de Perú “e que resulta que agora traballaba ao fresco na costa galega”. Tamén falou doutro mariñeiro ao que en 2014 lle comunicaron que se podía prexubilar “e despois néganllo e queda sen dereito a paro e sen poder xubilarse, polo que tivo que volver ao mar”. E tamén de Gerardo Entenza, que faena no Atlántico Sur, no Índico e no Pacífico.
Finalmente, indicou que tras a carta enviada á Administración para que convocara unha xuntanza coas patronais para abordar esta problemática “a Xunta di que a semana próxima é posíbel que convoque, de Madrid non hai resposta e Mariña Mercante di que é unha cuestión comunitaria, algo que non é verdade; pola súa banda, o ISM di que é cousa de Mariña Mercante”.