
A CIG reclama a remunicipalización da Escola Infantil de Vilagarcía ou a licitación inmediata do servizo

Responsábeis da CIG do Salnés e da CIG-Ensino de Pontevedra compareceron hoxe en rolda de prensa para reclamarlle ao Concello de Vilagarcía a remunicipalización da Escola Infantil Pública da localidade ou a licitación inmediata da xestión do servizo, do que dende hai máis de 20 anos se encarga a empresa Bonecos Vilagarcía.

Dende a central sindical lembran que a lei de contratos do sector público establece que os contratos de subministración e servizos teñen unha duración máxima de cinco anos, incluíndo posibles prórrogas, polo que se preguntan en que situación administrativa se atopa o servizo e cal é o motivo de que non se saque a concurso.
Ao mesmo tempo, denuncian que este atraso na licitación está a provocarlle un importante prexuízo ao cadro de persoal, integrado por unhas 20 persoas, que que o XIII convenio colectivo estatal de Centros de Asistencia e Educación Infantil que vén de entrar en vigor recolle que as táboas salariais para os centros de educación infantil -xestión indirecta- serán dúas: unha para as persoas traballadoras dos centros adscritos a aqueles contratos públicos cuxo anuncio de licitación ou convocatoria fose publicada oficialmente con posterioridade á data da publicación do convenio no BOE. Estes salarios débense aplicar e recoller polas administración públicas nas licitacións e contratacións que teñan lugar a partir da entrada en vigor do convenio;
E outra táboa salarial que será de aplicación as persoas traballadoras dos centros de educación infantil -xestión indirecta- con contratos en vigor con anterioridade a data de publicación do convenio no BOE. A partir do curso 2028/2029 estas dúas táboas converxeran, pasando nese momento a aplicar unha táboa única.
“Isto é un verdadeiro despropósito por parte da patronal e das centrais sindicais asinantes do convenio, creando esta diferencia salarial entre persoas que realizan o mesmo traballo, independentemente da entrada en vigor de cada servizo”.
Xuntanza coa Alcaldía
Ademais, canto máis se tarde en licitar a xestión da Escola Municipal de Vilagarcía máis prexuízo se lle esta a causar a este colectivo de persoas traballadoras, que van a cobrar menos salarios por causas non imputables a elas senón ao Concello de Vilagarcía por estar atrasando a licitación.
Por iso, a maiores de demandar a remunicipalización ou licitación inmediata do servizo esixen resarcir as persoas traballadoras dos salarios deixados de percibir entre o 01/01/2025 (data a que se retrotrae o convenio colectivo para o incremento salarial, até a entrada da concesión da nova licitación).
Ao mesmo tempo, a CIG constou a existencia dunha serie de irregularidades e incumprimentos de convenio no Escola Infantil e pregúntanse se este tipo de prácticas lle constan ao Concello como responsábel das inspeccións periódicas no centro. Por todo isto, solicitan unha xuntanza coa Alcaldía para abordar a situación.