A CIG reclama a readmisión dunha delegada do SAF de Narón despedida de xeito improcedente
A CIG-Servizos concentrouse este martes diante das oficinas de Eulen en Narón para reclamar a readmisión dunha traballadora e delegada do comité do SAF á quen a empresa despediu coa escusa de que non é apta para desenvolver o seu traballo por cuestións médicas. Durante a protesta tamén se demandou a intervención do Concello de Narón, como titular do servizo, e que defenda os dereitos laborais e a liberdade sindical.
Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, explica que aínda que a traballadora foi considerada nun primeiro momento apta con limitacións e que a empresa mesmo lle adaptou o posto, transcorrido un tempo "mandouna a outro procedemento de revisión e a mutua entón cualificouna como non apta". Situación que aproveitou Eulen para despedila de inmediato.
Chama a atención que a empresa tomara esta decisión co proceso de eleccións sindicais en marcha e cando se sabía que a traballadora afectada formaría parte da candidatura da CIG. A pesar da estrataxema empresarial e dos problemas no desenvolvemento das eleccións, a traballadora resultou elixida delegada de persoal no comité do SAF.
Neste contexto, e ante a negativa de Eulen a readmitila, o despedimento foi recorrido en vía xudicial. A sentenza do Social determina que a compañeira pode traballar e que o despedimento é improcedente, pero deixa a criterio da empresa a decisión de reincorporala ou indemnizala.
"Por suposto, Eulen optou pola indemnización, condenando a traballadora ao desemprego", denuncia Martínez Padín, quen xa avanzou que a resolución está recorrida ao entender que esta decisión debe recaer na propia traballadora.
Desfacerse dunha traballadora "molesta"
A representante da CIG subliña que a verdadeira razón pola que Eulen despediu a esta compañeira non ten relación coa súa condición médica (pois a outras compañeiras coas mesmas limitacións si que lle adaptou o posto), senón coa actividade sindical que desenvolve. "A empresa aproveitou esta oportunidade para desfacerse dunha traballadora que lle resultaba molesta polo súa acción sindical e facelo ademais de maneira barata", critica.
A este respecto, indica que até as pasadas eleccións a CIG non tiña representación no SAF de Narón e agora "somos o sindicato maioritario con 5 delegadas das 9 que integran o comité". Este resultado evidencia "as ganas que tiña o persoal do servizo de mudar a súa representación sindical".
Co obxectivo de resolver a situación, a CIG reuniuse co Concello de Narón e denunciou a actitude da empresa no pleno municipal, mais o Goberno eludiu as súas responsabilidades escusándose en que trata dun problema entre unha empresa privada e a traballadora. "Pero este atropelo non pasaría se o servizo de axuda no fogar estivera xestionado directamente polo Concello", asevera Padín.
Reunión o próximo xoves
Coa concentración xa anunciada, o Goberno municipal convocou outra reunión para este xoves día 13, ás 17 horas, na que, segundo comentou, estarán todos os partidos políticos da corporación, o comité de empresa e a propia concesionaria.
Á espera do que poida saír dese encontro, "do que non agardamos grandes avances tendo en conta a actuación previa do Goberno local", a CIG levará adiante todas as accións sindicais, xudiciais e institucionais que sexa necesarias para defender os dereitos da traballadora e que sexa reincorporada no seu emprego.