A CIG reclama a readmisión do delegado sindical despedido do colexio privado de Fingoi en Lugo
Representantes da CIG-Ensino e da CIG de Lugo concentrábanse este mércores diante do colexio privado Fingoi (Lugo) para reclamar a readmisión dun traballador que foi despedido sendo delegado de persoal. A central nacionalista denuncia que “estamos diante dunha medida claramente antisindical”. Un caso de “represión” polo que demanda a dimisión da dirección do centro.
Así o explicou o representante da CIG-Ensino, Antón Castro, quen asegurou que “non hai nada, do punto de vista profesional, que puidera xustificar este despedimento”, malia desde o colexio privado alegar causas obxectivas,en base a unha redución de horas lectivas da súa especialidade (tecnoloxía).
Fronte as xustificacións do centro privado a CIG lembra que este mesmo traballador, en cursos anteriores, estivo impartindo as materias afíns para as que está habilitado. Por iso considera que se trata “dunha represalia por ser delegado da CIG e por ter defendido os dereitos das súas compañeiras e compañeiros”, máis tendo en conta que neste colexio só hai dous representantes do persoal (un da CIG e unha independente), cando por número de traballadoras/es terían dereito a escoller tres delegados/as.
Esta falta de cobertura de todas as prazas de representación xa se dera tamén no período anterior, mais daquela a CIG contaba cos dous delegados. “Que desta volta a CIG só puidera presentar un candidato ás eleccións sindicais e os outros sindicatos nin sequera deran presentado a unha persoa xa di moito da calidade democrática do centro”, sinalan desde a CIG de Lugo.
Por iso, a central sindical xa recorreu á vía xudicial e agarda á celebración do xuízo, que terá lugar previsibelmente en maio, para que sexa declarado ou nulo ou improcedente.
Con todo, a CIG-Ensino lamenta que un colexio da traxectoria do Fingoi, no que teñen dado aulas figuras como Ricardo Carvalho Calero e que mesmo contaba cun proxecto cultural de carácter ‘galeguista’, “se teña transformado nunha patronal clásica de colexio privado que se dedica a perseguir á CIG e as traballadoras e traballadores que reclaman os seus dereitos”.