A CIG reclama a intervención da Xunta para garantir a continuidade do Servizo de Axuda no Fogar de Forcarei
A CIG vén de reclamar a intervención da Xunta no conflito aberto no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Forcarei unha vez que rematou o período de consultas do ERE extintivo para todo o persoal e o Concello segue sen garantir a continuidade do servizo nin dos postos de traballo.
O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, remitiulle hoxe mesmo un escrito á Consellaría de Política Social, a través da dirección xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, solicitándolle unha xuntanza para abordar a problemática aberta tras a apertura da fase de liquidación de Serinter, a empresa concesionaria.
O responsábel sindical sinala no escrito que a actitude do Concello de Forcarei, que se nega a negociar para buscar unha saída que permita manter o SAF e os empregos, pon en grave risco a continuidade dun servizo básico para as persoas maiores e/ou dependentes e para as súas familias.
Cortina de fume
Por outra banda, dende a CIG amosan o seu rexeitamento ás acusacións formuladas dende o Goberno local de Forcarei no sentido de que ao remate do pleno municipal celebrado hoxe -e ao que acudiron as traballadoras do SAF, que se atopan en folga indefinida, e representantes da CIG- se tivese producido unha agresión. Para a central, con estas manifestacións os responsábeis do Concello “buscan crear unha cortina de fume para agochar o verdadeiramente importante, que é a desaparición do servizo”.