A CIG reclama a inclusión dun plan de choque contra a carestía da vida nos orzamentos da Xunta para o ano 2024
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, trasladou esta mañá ás organizacións sindicais as liñas fixadas polo goberno do PP para os Orzamentos da Xunta de Galiza para o vindeiro ano. Unha xuntanza na que a CIG reclamou un Plan de choque contra os efectos da inflación; un Plan Industrial que contribúa á recuperación económica e a creación de emprego estábel e de calidade; un Plan de Vivenda pública; o reforzamento dos servizos sociais e o freo á súa privatización, entre outros.
En representación da CIG asistiron á xuntanza a secretaria de Organización, Susana Méndez, o secretario confederal de Finanzas, Anxo Noceda e a responsábel do Gabinete Técnico de Economía da central sindical, Natividade López.
Tras da presentación das liñas xerais dos orzamentos, foi Méndez quen presentou as propostas que a CIG entende que deberan terse en conta para dar solución á realidade que están vivindo os galegos e galegas. Nomeadamente un Plan de Choque para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para levar adiante unha verdadeira recuperación económica, un plan de industrialización e creación de emprego digno e a recuperación dos servizos públicos.
Neste sentido, a secretaria de Organización lembrou que “o aumento constante da carestía da vida supón que unha boa parte da poboación teña serios problemas para poder acceder a bens básicos como comida, enerxía ou transporte, entre outros”.
Xunto a isto lembrou que “Galiza está sendo vítima dunha transición enerxética que se está convertendo nunha auténtica demolición e deixando comarcas enteiras convertidas en desertos industriais e sociais, e sen alternativa de futuro”. Por iso demandou un Plan Industrial que favoreza o peche dos ciclos produtivos na Galiza e a recuperación do emprego estábel e de calidade, ademais de “facer fronte á precariedade provocada pola reforma laboral e as políticas que desmantelan os sectores produtivos básicos galegos para entregar os nosos recursos ao gran capital”. Isto cunha decidida implicación da administración pública que, dixo, “ten que xogar un papel central na pilotaxe de novos proxectos a través dunha Empresa Pública de Enerxía”.
Así, considerou unha oportunidade perdida a Lei de Beneficios Económicos e Sociais porque, tal e como está recollido no seu Anteproxecto, “podendo ser unha lei que, efectivamente, repercutira no pobo galego a explotación dos nosos recursos, ao final o que fai é entregalos con maior entusiasmo ao capital, sobre todo ao foráneo, para que sexan trasladados fóra mentres aquí só deixan espolio”.
Atención á dependencia
A secretaria de Organización exixiu, ademais unha atención real “e non a través de propaganda” –en referencia ao recente anuncio de Rueda- á situación na que se atopa a dependencia, coa creación dun Servizo Público Galego de Atención ás persoas “integral e que recolla e acrecente todos os recursos públicos de atención á dependencia”. Isto xunto coa necesidade de destinar unha partida orzamentaria para asumir a competencia dos SAF e non deixalos en mans dos concellos e dignificación das condicións das traballadoras destes servizos.
Ademais, respecto da atención á dependencia, denunciou que a proposta do Rueda vai na dirección de “seguir afondando en que sexan as mulleres as que coiden, as que deixen a súa vida laboral a un lado para dedicarse a coidar de familiares que deberían ser atendidos desde o público”. E inquiriu directamente ao titular de Facenda respecto de “que partida orzamentaria se vai dedicar a que a oferta de prazas de residencia chegue ao mínimo recomendado pola OMS de 5 por cada 100 persoas maiores de 65 anos”, visto que na actualidade só hai 3,5 prazas por cada 100 ou que partida orzamentaria está prevista para incrementar a oferta de centros de día públicos.
Méndez concluíu lembrando que vivimos nun país avellentado e afeou á Xunta que non teña máis plan que a fracasada Lei de Impulso Demográfico que, dixo, “condena ás mulleres a quedar na casa a ter fillos”. E afeou tamén a ausencia de medidas nos orzamentos para atender a integración e a formación das persoas inmigrantes que están suplindo a ausencia de xente nova para ocupar postos de traballo.
Pola súa banda, Anxo Noceda afondou na cuestión dos servizos públicos e na súa progresiva privatización por parte do goberno da Xunta. Neste sentido, lembrou a recente ILP rexeitada no Parlamento de Galiza para resolver a situación da Atención Primaria e preguntou, entón, que medidas inclúen os orzamentos para abordar a problemática que padece.
Respecto do Ensino público reclamou a recuperación dos dereitos arrebatados ao profesorado, a redución das ratios e do horario lectivo e rexeitou, en nome da central sindical, o acordo que vén de asinar a consellaría de Educación con algúns sindicatos minoritarios.
Demanda de vivenda social
Con todo, Noceda fixo especial fincapé na necesidade de vivenda social, dado o exponencial incremento dos prezos a consecuencia do fomento da vivenda de uso turístico. Unha situación diante da que demandou un parque público de vivendas de alugueiro; medidas que permitan a recuperación para o seu uso de vivendas dos cascos deshabitados ou medidas para garantir a baixada e o control dos prezos.
Todas estas cuestións que considerou imprescindíbeis para “asentar poboación nas vilas fronte a actual despoboación”, consecuencia, dixo “de ter convertido os centros históricos das cidades en parques temáticos”.