A CIG reclama a implicación da Xunta para que se retome canto antes a actividade en Fandicosta, afectada por un grave incendio
Dende a central lamentan o sucedido no día de onte, cando se orixinou un lume nas instalacións de Fandicosta que arrasou boa parte da fábrica, mais amosan a súa satisfacción polo feito de que non se rexistrasen desgrazas persoais. “Agora o importante é que se poida reiniciar canto antes a actividade na fábrica, para o que reclamamos a implicación das Administracións públicas, sobre todo da Xunta", explican dende a FGAMT.
Neste senso, a compañía vai analizar a posibilidade de que a actividade se reinicie nas naves que non foron afectadas polo lume orixinado na tarde de onte. O grave incendio deixou practicamente arrasada a zona A, que acolle as instalacións destinadas a elaboración, almacén, oficinas e unha das salas de máquinas.
A dirección da empresa xa lle confirmou ao comité (4 delegadas/os da UGT, 3 de CCOO e 2 da CIG) que parte do persoal vai ser trasladado temporalmente a unha das empresas do grupo en Vigo, ao tempo que anunciou a presentación dun ERE por causa maior. “A parte social e empresarial quedou de volver conversar a finais desta semana para abordar os detalles do ERE e ver como vai ser distribuído o persoal”.
Finalmente, inciden na necesidade de que se manteñan todos os postos de traballo, ocupados maioritariamente por mulleres, “xa que en moitos casos se trata do único salario que entra na casa”.