A CIG reclama a implicación da Xunta e que faga valer as cláusulas concesionais das centrais para frear o ERE de Ferroatlántica
Representantes dos traballadores e traballadoras das fábricas de Ferroatlántica en Cee e Dumbría, acompañados polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, mantiveron un encontro na mañá deste martes co conselleiro de Industria, Francisco Conde, para esixir a implicación do Goberno galego na loita contra o ERTE presentado pola empresa e que a Xunta faga valer as cláusulas concesionais das centrais hidroeléctricas como garante da viabilidade do complexo industrial e do emprego.
Na reunión, solicitada tanto pola CIG como polo comité, demandouse da Consellaría que presione a Ferroatlántica para conseguir que a negociación dos expedientes se faga en cada un dos centros de traballo e non de maneira conxunta en Madrid, tal e como quere a dirección. Tanto porque Ferroatlántica levou adiante unha reestruturación societaria na que cada fábrica, a todos os efectos, é unha empresa propia, como porque a longo da súa historia, as negociacións na empresa sempre se produciron directamente fábrica a fábrica entre comités e dirección.
Ou, cando menos, pediuse a Xunta que presione para que a composición da mesa en Madrid se asigne por representación dos/as delegados/as en cada comité e non por seccións sindicais como propón a empresa. Neste senso, a CIG lembra que coa fórmula proposta por Ferroatlántica as fábricas galegas quedan infrarrepresentadas, cando por número de traballadores/as lle correspondería ter a maioría dos 13 membros da mesa.
Vinculación das centrais e o complexo industrial
A este respecto, a CIG trasladoulle a Francisco Conde as dúbidas sobre as intencións reais de Ferroatlántica, logo de que na reunión da pasada semana co director de Recursos Humanos, este en ningún momento garantira que se porían en marcha os dous fornos de Cee de xeito prioritario, no caso de mellora das presuntas malas condicións que alega a empresa.
Xunto a isto, a CIG lembroulle a importancia de facer valer a vinculación das centrais hidroeléctricas co complexo industrial para evitar o expediente regulador e calquera medida que poña en perigo a viabilidade das fábricas, como o peche dos fornos ou a deslocalización da produción. Por iso, demandou do Goberno galego que abra un expediente informativo para comprobar o grao de cumprimento das cláusulas concesionais, tendo en conta o volume de emprego que xa está afectado pola decisión da empresa de pechar dos dous fornos (que están sen activade dende o 1 xaneiro) e o impacto que ten o traslado a outras plantas do Grupo da produción que até agora se facía en Brens.
"A Xunta non pode consentir que Ferroatlántica faga o que lle dea a gana, como ocorreu cando, nada máis coñecer a resolución inicial da Administración negando a venda das centrais, a empresa, con total descaro, deixou sen efecto o tan cacarexado plan industrial e levou para fóra proxectos industriais que terían que ser desenvolvidos en Galiza", subliñan.
Pola súa banda, Conde non fixo compromisos concretos, mais amosou disposición a manter un contacto constante coa representación social.
Primeira reunión do período de consultas
A entrevista prodúcese un día despois da primeira xuntanza do período de consultas do ERTE formulado por Ferroatlántica para as fábricas de Brens, Sabón, Boo e as oficinas de Madrid. Dende a sección sindical da CIG en Cee cualificaron de "pantomima" a xuntanza, na que quedou en evidencia a falta de vontade da maioría do comité para sumar esforzos na defensa dos intereses das fábricas galegas.
"En conivencia coa empresa, UGT, CCOO e USO propuxeron unha mesa de 12 membros (cando a lexislación permite 13 integrantes) co único obxectivo de baixar os coeficientes e así quitarlle un representante a CIG, dos 4 que lle tocan", denuncian.
Diante desta situación, a sección sindical vai emprazar o comité para realizar unha asemblea e definir cos traballadores e as traballadoras os pasos a seguir. "Agardamos que o resto do comité reflexione, rectifique e decida actuar conxuntamente coa CIG para pararlle os pés a empresa e garantir o futuro dos empregos e das fábricas da Costa da Morte".
Durante esta primeira xuntanza, a CIG trasladou a dirección o absoluto rexeitamento ao ERTE fraudulento, que non existen causas obxectivas que o xustifiquen e que o resultado da poxa de interrompibilidade non pode ser escusa para unha medida deste tipo, atendendo a condición de Ferroatlántica como produtora de enerxía e aos bos resultados económicos obtidos durante o ano 2018. Logo de entregar voluminosa documentación, as partes quedaron emprazadas para novas reunións os días 18 e 22 de febreiro.