A CIG reclama a Endesa un compromiso decidido co emprego e a produción industrial nas Pontes
A CIG reitera a necesidade de arrincarlle a Endesa un compromiso claro co emprego e a busca de alternativas industriais de futuro que minimicen o impacto que a parada da central térmica terá tanto a nivel laboral como no conxunto da economía da comarca das Pontes. Así o trasladou na reunión que a representación social mantivo hoxe co Ministerio de Transición Ecolóxica a dirección da empresa, e na que tamén participou o director xeral de Industria, a Xunta de Galiza, o Concello das Pontes e colectivos de transportistas afectados.
"Non podemos avanzar nunha transición e comezar un proceso de cambio de modelo produtivo co lastre dos compañeiros e compañeiras despedidas", aseveraba á saída do encontro, Alberte Amado, que acudiu en representación da CIG. Amado criticou que neste encontro a filial española de Enel nin sequera concretou a data de solicitude do peche, "polo que descoñecemos que prazos están a manexar".
De igual xeito, lamentou a mensaxe difusa trasladada por Endesa cando se lle pediu un compromiso co emprego nas súas auxiliares, limitándose a ofrecer garantías só ao cadro de persoal propio.
As alternativas de funcionamento, con cautela
Sobre as alternativas de funcionamento á produción con carbón, a empresa amosouse moi pesimista na continuidade da central e informou que as probas realizadas até agora non están dando resultados satisfactorios. De feito, a dirección de Endesa recoñeceu diante do Ministerio que se equivocaron investindo máis de 200 millóns de euros na central da Pontes e que, a estas alturas, non terían iniciado o proceso de adaptación das instalacións.
Amado sinala que se descoñece se estas afirmacións responden a un puro interese empresarial ou se realmente a Endesa "os números non lle cadran". En todo caso, indicou que "calquera alternativa de funcionamento da central con outro combustíbel hai que collela con moita cautela, mentres non se dispoña dos estudos adecuados".
Non obstante, dende Endesa afirmaron que continuarán facendo probas con outros combustíbeis, malia teren poucas expectativas de éxito. Neste punto, abordouse coa empresa a proposta dun grupo de traballadores/as que presentaron unha alternativa de funcionamento e quedouse por parte da Administracións e da eléctrica de facer un estudio para explorar a súa viabilidade.
Así as cousas, a CIG reitera que mentres non se clarifique o escenario no que van quedar as instalacións, Endesa tense que comprometer en firme co persoal propio da central e máis co persoal das súas auxiliares e co proceso de reindustrialización da comarca, ao que, por certo, está obrigado polo peche da central.
Responsabilidades das Administracións
Por parte das administracións confirmouse que Galiza entrará dentro das axudas europeas destinadas ás rexións afectadas polo peche das centrais térmicas e dende a CIG reclamouse ao Goberno español que presente unha proposta de transición ordenada e xusta e solucións ao parada produtiva da central, e á Xunta de Galiza que faga os deberes en materia industrial, na que ten plenas competencias.