A CIG reclama a convocatoria da mesa das Pontes, un plan industrial de choque e o concurso de transición xusta cos 1400MW
A CIG continuou esta tarde en Ferrol coas mobilizacións para reclamar unha transición xusta, garantías na continuidade do emprego e políticas de reindustrialización que doten de futuro á localidade. Neste xoves, as protestas trasladáronse até o edificio administrativo da Xunta en Ferrol para reclamarlle ao Goberno galego que convoque de inmediato a mesa para o impulso económico das Pontes.
As reivindicacións para unha verdadeira transición xusta nas Pontes que levaron a CIG a convocar folga xeral na vila o pasado 23 de novembro e a concentrarse o 23 de xaneiro na Praza do Carme, teñen toda a súa vixencia ante as nulas respostas e actuacións dos Gobernos galego, español e do Concello das Pontes, mentres Endesa executa o seu plan coa pasiva colaboración das administracións.
Non se están cumprindo coa continuidade dos postos de traballo das auxiliares entre o peche e o predesmantelamento anunciado no marco da Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes; e a Xunta segue sen atender as solicitudes de convocatoria da mesa para resolver esta situación, avanzar no cronograma do desmantelamento e na concreción e posta en marcha dos proxectos industriais anunciados.
Precisamente, coa protesta desta tarde reclamóuselle ao Goberno galego que de inmediato proceda á reunir a mesa "porque a situación que vive As Pontes é límite" e nin se están cumprindo os acordos nin se están materializando as propostas industriais anunciadas a todo bombo. Ao contrario, lonxe de concretarse alternativas que dean futuro, a día de hoxe hai 113 postos de traballo menos en Einsa.
Neste contexto, urxe que se cumpra coa reivindicación da creación dun plan industrial de choque, con financiamento das administracións autonómica e estatal e coa participación sindical na súa xestión, a través do que se garantan a creación de chan industrial, que dea garantías a reindustrialización das Pontes.
Recuperar os 1.400MW de evacuación
Pois tampouco existe a certeza de manter os 1.400MW de evacuación da Central Térmica no nó de Transición Xusta das Pontes e a súa ligazón a proxectos industrias. O anuncio do MITECO, feito en plena campaña electora, da inclusión na modificación da planificación de REE (en trámite) dunha nova subestación -que non central de transformación-, sen sinalar que capacidade terá e se será clasificada como de transición xusta "non é unha solución, é unha fraude".
A CIG esixe a inmediata convocatoria do concurso porque canto máis se tarde en facelo máis se estará impedindo unha transición xusta e unha reindustrialización que xere emprego nas comarcas afectadas, hoxe camiño da desertización social, económica e laboral.
A este respecto, a central demanda que ao Goberno español que atenda a iniciativa aprobada (a proposta do BNG) na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso para garantir unha transición xusta real para As Pontes, que se manteña a capacidade de evacuación que tiña asignada a central térmica de Endesa e se proceda á convocatoria inmediata e urxente do concurso público co mesmo procedemento empregado para adxudicar o acceso ao nó de transición da CT de Andorra-Teruel.
Hai que denunciar que esta iniciativa do BNG recibiu os votos en contra dos partidos que compoñen o Goberno do Estado, PSOE e Sumar. Cómpre pois, seguir na mobilización até que haxa solucións que garantan un futuro con emprego e industria para As Pontes.